Medio Rural apoia iniciativas de emprego no eido do desenvolvemento sostible

(mediorural.xunta.es 09/1072011) Valora que recollan nos seus obxectivos concienciar á poboación da necesidade de conservar os espazos naturais. Neste marco, colabora con entidades como a empresa Corticata, especializada en turismo ambiental na zona de Vilagarcía de Arousa, que centra as súas actividade nas illas de Cortegada e Sálvora. No seu proxecto busca desestacionalizar a afluencia de visitantes aos parques naturais para protexer, desta forma, os seus valores
A Consellería do Medio Rural, xestora do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, apoia iniciativas de emprego no eido do desenvolvemento sostible, que poñan en valor nos seus obxectivos concienciar á sociedade da necesidade de conservar e preservar os espazos naturais.
Neste sentido, colabora con iniciativas innovadoras. Un exemplo desta colaboración é a empresa Corticata, impulsada por dous mozos emprendedores, que naceu hai catro anos en Vilagarcía de Arousa e especializada en turismo ambiental. Entre os obxectivos que persegue está o de educar e concienciar á poboación sobre a conservación dos espazos naturais existentes na zona, así como a creación de hábitos saudables en diferentes actividades como campañas de educación ambiental, cursos e seminarios, aulas de natureza, etc.
Desestacionalización
O proxecto elaborado por Corticata susténtase en que a afluencia de visitantes ao Parque Nacional está seguindo un interese progresivo nestes últimos anos e, precisamente, esta tendencia amósase tamén na Illa de Cortegada.
Así, a iniciativa sitúase na liña impulsada por Medio Rural de tentar acadar unha desestacionalización da afluencia de visitantes, moi alto nos meses de verán, e conseguir que as actividades e a oportunidade de achegarse ao paraxe natural de Cortegada sexa en calquera momento do ano.
Balance positivo
Corticata fai un balance positivo das visitas levadas a cabo durante os meses de verán, centrando en case o 80% das súas actividades en Cortegada e Sálvora. Lonxe de dar por terminada a actividade estival, esta prolongarase ao mes de outubro dada a gran acollida polos usuarios deste servizo, que leva camiño de converterse xa nunha visita obrigada e de referencia en Vilagarcia de Arousa.
Pola Illa de Cortegada pasaron -da man de Corticata- moitos visitantes nacionais pero tamén alemáns, franceses, ingleses e ata xaponeses. O número de visitantes ao longo destes catro anos que participaron das actividades de Corticata cífrase xa en torno aos 7.000 entre escolares, grupos de discapacitados e público en xeral.