Samuel Juárez resalta o papel da muller rural no desenvolvemento e afianzamento da poboación
(mediorural.xunta.es 15/10/2011) Galicia está á cabeza dentro do España canto á presenza feminina á fronte das explotacións agrarias e gandeiras, nunha porcentaxe que se sitúa por riba do cincuenta por cento.
A Consellería do Medio Rural, coincidindo coa celebración do Día Internacional da muller rural, e coñecedora do destacado papel que desempeña a muller no agro galego, quere salientar a priorización de medidas de apoio do seu departamento a prol dun colectivo, que signifícase por si só como elemento clave para o desenvolvemento do agro e o afianzamento da poboación neste medio.
Así, no marco do Plan de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2007-2013 existen multitude de medidas de apoio que incorporan unha perspectiva de xénero, como son as de fomento de instalación de agricultores mozos, modernización de explotacións, diversificación económica do medio rural ou mellora da calidade de vida. No PDR existen ata un total de 13 medidas que inclúen como criterio de priorización a realizada por razón de xénero.
Como media, en torno a un 50% do total de beneficiarios das actuacións de promoción da igualdade no agro galego por parte do departamento que dirixe Samuel Juárez foron mulleres. Destaca a liña de axudas para a diversificación cara actividades non agrícolas, na que máis do 80% dos beneficiarios no total acumulado de 2010 foron mulleres.
Tamén no que se refire á liña de apoio á instalación de agricultores mozos, case o 50% dos beneficiarios correspondeu ao colectivo feminino. Canto á liña de axudas á modernización das explotacións, as mulleres representan no total acumulado de 2010 preto do 40% dos beneficiarios. No caso de creación e desenvolvemento de microempresas, un terzo das solicitudes ten como titular a unha muller. Neste mesmo sentido cómpre sinalar que Galicia está á cabeza dentro do España canto á presenza feminina á fronte das explotacións agrarias e gandeiras, nunha porcentaxe que se sitúa por riba do cincuenta por cento (53,4%), dato especialmente significativo se temos en conta que a media do Estado está por baixo do trinta por cento (28,8%). En xeral constátase que aquelas comunidades autónomas que (como Galicia) teñen unha elevada proporción de explotacións de gando de leite e/ou carne a presenza das mulleres é máis significativa, fronte aos territorios nos que prima outro modelo produtivo (caso de, por exemplo, A Rioxa ou Navarra, nas que a porcentaxe de mulleres como responsables das explotacións está por debaixo do 18%).