Ternera Gallega intercambia experiencias con profesionais e estudantes da Bretaña Francesa
O 19 de outubro, un grupo de 29 persoas de Bretaña visitou a Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega no marco dunha viaxe de estudos a Galicia.
O grupo estaba formado por 15 estudantes de segundo curso de Técnico Superior en Producións Animais do Instituto Le Nivot, de Loperec, no departamento bretón de Finisterre, acompañados de dous profesores, 11 administradores e o director da cooperativa “Finistère Remplacement”. Esta cooperativa, con sede en Quimper, ofrece servizos de substitución a agricultores e gandeiros.
A visita tivo como fin coñecer o funcionamento e organización da IXP e as iniciativas que se levan a cabo en Ternera Gallega para favorecer o desenvolvemento da produción de carne de calidade.
Os participantes visitaron dúas explotacións produtoras de Ternera Gallega onde os seus titulares explicaron os aspectos produtivos e económicos, de manexo dos animais, de comercialización, organización do traballo e asociacionismo. Tanto os estudantes, os profesores e os axentes das cooperativas agradeceron moi especialmente a atención e dedicación por parte dos gandeiros onde se desenvolveron as visitas.
A visita a Ternera Gallega coincidiu co día de celebración do mercado de gando de Santiago, polo que os participantes fixeron un recorrido polas naves co gando de recría e de abasto.
Na sede de Ternera Gallega ofreceuse unha presentación detallada sobre o contexto da produción de carne de vacún con especial referencia a aspectos relacionados coas causas da creación da Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega, os obxectivos, a situación actual e as iniciativas que se están a desenvolver na dinamización da produción e comercialización da carne certificada así como as perspectivas de futuro.