Juárez subliña o compromiso de Medio Rural coas explotacións de vacún de carne
Juárez subliña o compromiso de Medio Rural coas explotacións de vacún de carne, un sector estratéxico de desenvolvemento
(mediorural.xunta.es 25/10/2011) O conselleiro visitou unha explotación gandeira no concello lucense de Friol, exemplo de produción de carne de vacún de calidade. Medio Rural salienta o apoio á produción cárnica, con incentivos aos investimentos das explotacións ou as primeiras instalacións de agricultores mozos.
O conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez, visitou hoxe, no concello lucense de Friol, unha explotación de vacún de carne, un exemplo de produción cárnica de calidade. Juárez puxo de relevo o compromiso do seu departamento con este sector, que cualificou de estratéxico para o desenvolvemento do rural galego. Neste sentido, subliñou o apoio da Consellería á produción de carne de vacún, incentivando os investimentos das explotacións ou as primeiras instalacións de agricultores mozos.
A gandería está situada na parroquia de Carballo. Os seus titulares amosaron as instalacións ao conselleiro. No percorrido estiveron acompañados pola delegada territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Raquel Arias, e polo director xeral de Produción Agropecuaria, José Álvarez Robledo. O titular de Medio Rural evidenciou a transcendencia a nivel de mercados da produción cárnica e, dentro deste segmento, da produción cárnica de calidade, no marco da IXP Ternera Gallega.
Desde esta perspectiva de relevancia e dinamización económica, Juárez sinalou que a Consellería seguirá a apostar pola produción cárnica en réxime extensivo ou semiextensivo, optimizando o uso de superficies de pasto para racionalizar custos e sacar o máximo rendemento das axudas da PAC (Política Agraria Común) -tanto na actualidade como nas que apuntan de cara ao futuro-, que poñen en valor o concepto de pastos.
Adianto do Pago Único
Afondando no aspecto das axudas da PAC, o conselleiro referiuse ao peso que teñen na configuración da renda dos produtores de carne, sobre todo nun ámbito xeográfico como é a provincia de Lugo, que representa a metade desas axudas en Galicia. Consciente dese alcance e nesa liña de estímulo ao sector cárnico, cómpre sinalar que Medio Rural adiantou as axudas do exercicio 2011do Pago Único, que serán transferidas aos produtores a finais desta semana, a través do Fogga (Fondo Galego de Garantía Agraria). Realizarase un anticipo do 50% no marco da autorización que deu a Comisión Europea.
A Consellería do Medio Rural mantén as convocatorias anuais de axuda para as primeiras incorporacións de agricultores mozos ao sector cárnico, así como para a realización de investimentos nas explotacións. Dáse prioridade ao sector cárnico, sobre todo naqueles investimentos que teñen que ver co incremento da base territorial e que se traducen principalmente na implantación de pradeiras, realización de peches ou instalación de puntos de auga. En conxunto, as axudas para o apoio das rendas e para a realización de investimentos constitúen un piar importante de apoio ao sector cárnico.