Medio Rural organiza unha xornada de promoción gastronómica dos produtos das razas autóctonas
(medio.rural.es 22/10/2011) O evento, cofinanciado con fondos Feader da UE, terá lugar o vindeiro día 3 de novembro nas instalacións da Feira Internacional de Galicia, en Silleda e na súa organización colaboran asociacións de produtores de criadores destas razas. A xornada ten un enfoque exclusivamente profesional e técnico e vai dirixida a persoas vencellas cos sectores da hostalería, carnicería, venta delicatessen, consumo, turismo e prensa especializada.
A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Produción Agropecuaria, programou para o vindeiro día 3 de novembro unha xornada de promoción e posta en valor, desde o punto de vista gastronómico, dos produtos derivados das razas autóctonas en perigo de extinción, que se financia con fondos Feader da Unión Europea.
O evento desenvolverase nas instalacións da Feira Internacional de Galicia, en Silleda (Pontevedra), e ten unha orientación exclusivamente profesional e técnica, cun aforo limitado a persoas vencellas cos sectores da hostalería, carnicería, venta delicatessen, consumo, turismo e prensa especializada.
Nesta xornada farase unha presentación das razas galegas en risco de desaparición, na cal un técnico da Federación de Razas Autóctonas de Galicia (Boaga) exporá as calidades e as características das mesmas, centrándose no seu atractivo gastronómico. Así mesmo, contará con varias mesas técnicas centradas tanto nestes animais coma nos alimentos derivados dos mesmos, que serán conducidas polo Centro Tecnolóxico da Carne (CTC), que depende da Consellería do Medio Rural.
Degustacións
Unha parte importante do programa deste evento son as preparacións e degustacións de pratos elaborados cos produtos gastronómicos destas razas, que correrán a cargo de profesionais da hostalería. Ademais, farase unha exposición paralela de varios exemplares das razas autóctonas de Galicia en perigo de extinción, as bovinas Cachena, Caldelá, Frieresa, Limiá e Vianesa, o Porco Celta, a Galiña de Mos, a Cabra e Ovella Galegas e o Cabalo de Pura Raza Galega.
Na organización deste evento colaboran –ademais da propia Feira Internacional de Galicia–as asociacións Boaga, Asoporcel (Asociación de Criadores de Ganado Porcino Celta) e Puraga (Asociación de Criadores de Cabalo de Pura Raza Galega).