Medio Rural transfire 66 millóns a máis de 33.000 agricultores en axudas do pago único
(mediorural.xunta.es 28/10/2011) O conselleiro Samuel Juárez presidiu o Consello de Dirección do Fogga (Fondo Galego de Garantía Agraria), organismo xestor e pagador destas subvencións. Anticípase a axuda do pago único por explotación deste ano 2011 (adianto que corresponde ao 50% do importe total) e transfírese ademais o pagamento da campaña 2010 polo uso sustentable das terras e en concepto de indemnización compensatoria de zonas de montaña e outras desfavorecidas
A Consellería do Medio Rural, a través do Fogga (Fondo Galego de Garantía Agraria), ordenou hoxe o pago dun total de 66.021.667,22 euros a máis de 33.000 agricultores en axudas por pago único por explotación e para mellora da renda polo uso sustentable das terras agrícolas. Así o deu a coñecer hoxe en rolda de prensa o conselleiro do Medio Rural e presidente do Fogga, Samuel Juárez, acompañado polo director xeral de Produción Agropecuaria e director deste organismo pagador, José Álvarez Robledo.
Estas transferencias foron analizadas hoxe, entre outros asuntos, polo Consello de Dirección do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), organismo xestor e pagador destas subvencións que está presidido polo conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez.
Deste importe total de máis de 66 millóns, 47.405.524,98 euros son un anticipo do pagamento da axuda do réxime de pago único por explotación correspondente ao ano 2011. Os 18.616.142,24 euros restantes corresponden ao apoio á renda dos agricultores no marco de programa de desenvolvemento rural de Galicia para o período 2007-2013, no relativo á mellora do medio ambiente e do entorno natural, así como pola utilización sustentable de terras agrarias
Pago único
En canto ao pago único, este anticipo corresponde ao 50% do importe total do réxime desligado da produción. Recibirano 32.435 agricultores, que solicitaron estas axudas do 1 de febreiro ao 14 de maio de 2011. O 50% restante destas axudas os solicitantes percibirano, xunto con outras axudas que non son obxecto de anticipo, a partir do 1 de decembro de 2011.
Este anticipo do pago foi autorizado pola Comisión Europea a principios de agosto de 2011, despois da solicitude de varios estados membros, entre eles España, considerando que os agricultores se están enfrontando neste ano a condicións meteorolóxicas adversas e crises financeiras e de mercado que están afectando a súa liquidez. A Comisión autorizou a que este pago se poida realizar a partir do 16 de outubro, en lugar de esperar ao 1 de decembro, data establecida para o inicio do pago desta axuda aos agricultores. Estes pagos unicamente poden realizarse para aquelas solicitudes para as que a Administración ten rematados todos os controis e inspeccións sobre o terreo, polo que os agricultores que teñan a solicitude da axuda correspondente pendente dalgún destes controis non recibirá agora este anticipo.
O FOGGA informará deste pago aos agricultores que teñen facilitado un número de teléfono móbil á Consellería, enviando unha mensaxe SMS indicando na mesma o importe e o tipo de axuda transferida.
A maior porcentaxe do importe, en Lugo
No cadro que se xunta indícase a distribución do número de pagos e importes nas catro provincias de Galicia, correspondendo a Lugo a maior porcentaxe do importe (un 42,9%) e á Coruña a maior de transferencias a agricultores, cun 37,2 %.
Contrato de Explotación Sustentable e Indemnización Compensatoria
Medio Rural, a través do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) ordenou tamén a transferencia dun total de 18.616.142,24 euros como medida de apoio á renda dos agricultores no marco do programa de desenvolvemento rural de Galicia para o período 2007-2013, no relativo á mellora do medio ambiente e do entorno natural e polo usos sustentable das terras agrarias, dos que 10.754.187.01 corresponden a axudas integradas no contrato de explotación sustentable (CES) e 7.861.955,23 euros corresponde a indemnización compensatoria de zonas de montaña e doutras zonas desfavorecidas distintas das de montaña.
Este pago corresponde á campaña 2010 despois de que os solicitantes xustificaran o cumprimento dos compromisos sumidos, coa presentación do caderno de explotación do año 2010 co apoio dos técnicos das entidades de aconsellamento de explotacións e de que o FOGGA fixera os controis administrativos e sobre o terreo establecidos para a comprobación do cumprimento das abrigas esixidas. O Contrato de Explotación Sustentable (CES) ten como obxectivo reforzar o carácter multifuncional da actividade agraria e mellorar a sustentabilidade das explotacións e abarca medidas agroambientais e tamén axudas ao benestar dos animais.
Todos os agricultores que asumen un contrato de explotación sustentable comprométense, durante un período de cinco anos, de xeito xeral, a manter a actividade agraria, a manter e actualizar un caderno de explotación cun resumo da contabilidade e da conta de explotación, a recibir aconsellamento dunha entidade especializada neste tipo de servizo, cumprir coa condicionalidade e tamén coas normas mínimas sobre a utilización de fitosanitarios e fertilizantes. Ademais deben cumprir cos compromisos específicos establecidos para cada axuda en concreto da que son beneficiarios.
Entre as medidas agroambientais atópanse actuacións o mantemento de variedades autóctonas vexetais en risco de erosión xenética, agricultura e gandería ecolóxica, control integrado e produción integrada, loita contra a erosión en medios fráxiles, mantemento de razas autóctonas en perigo de extinción, utilización racional de recursos forraxeiros e mellora e conservación do medio físico en zonas de prados e pastos incluídos na Rede Natura 2000. As axudas teñen por obxectivo compensar aos agricultores polos maiores custos que supón a xestión con estes sistemas de produción en relación cos sistemas habituais no sector agrogandeiro e tamén polos menores ingresos derivados dunha produción menos intensiva e mais respectuosa co medio ambiente. Na distribución provincial do importe das axudas pagadas no marco do CES, un 16.3% corresponden á provincia de A Coruña, un 70.5% á de Lugo, un 4,8% á de Ourense e un 8.4% á de Pontevedra. En canto aos beneficiarios, tamén a maior parte (69.4%) corresponde á provincia de Lugo.
Indemnización Compensatoria
A indemnización compensatoria de zonas de montaña e doutras zonas desfavorecidas ten por obxecto compensar aos agricultores a título principal polas condicións adversas en relación coa altitude ou pendente dos terreos e outros parámetros nas que están desenvolvendo a súa actividade produtiva. Este pago corresponde a axuda solicitada en 2011 (entre o 1 de febreiro e o 14 de maio) e efectuase despois de que o Fogga fixera os controis administrativos e sobre o terreo establecidos para a comprobación do cumprimento dos compromisos asumidos polos agricultores. Na distribución provincial do importe das axudas pagadas, un 69.4% corresponden á provincia de Lugo e un 67,8% dos beneficiarios tamén son desta provincia. Ámbolos dous tipos de axudas están cofinanciadas nun 57,56% polo Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento Rural (FEADER) e o resto a partes iguais pola Comunidade Autónoma de Galicia e pola Administración Xeral do Estado.