
Entra en vigor a Lei de Mobilidade de Terras co fin de facilitarlle aos gandeiros redimensionar as súas explotacións
(mediorural.xunta. es 14/11/2011) Samuel Juárez afirma que esta lei “pretende optimizar todo o potencial do Banco de Terras como instrumento de dinamización do agro” . Coa nova norma, o ámbito de actuación do Banco de Terras amplíase a todas as parcelas con vocación agraria de Galicia. A nova lei elimina o dereito de tanteo e retracto que permitía ao Banco de Terras frustrar calquera operación de compra-venda dun predio para facerse con esa propiedade
Mañá, mércores 16, entrará en vigor a Lei de Mobilidade de Terras, impulsada pola Consellería do Medio Rural como unha ferramenta que busca pór a disposición dos gandeiros terras que permitan redimensionar as súas explotacións. Así o comunicou esta mañá en rolda de prensa, o titular do departamento de Medio Rural, Samuel Juárez, acompañado polo director xeral de Desenvolvemento Rural, Antonio Crespo Iglesias, e o director-xerente do Banco de Terras de Galicia, Javier Blanco Carballal.
Samuel Juárez manifestou que con esta nova norma preténdese “reforzar a dinamización do agro galego, mediante o aproveitamento e optimización de todo o potencial que ofrece o Banco de Terras como instrumento” para, engadiu, “incrementar a produtividade e a riqueza do medio rural”.
O conselleiro destacou que as melloras que recolle a nova lei en comparación coa Lei 7/2007, de 21 de maio, de medidas administrativas e tributarias para a conservación da superficie agraria útil e do Banco de Terras de Galicia, estrutúranse en catro eixos fundamentais: a derrogación do dereito de tenteo e retracto, a ampliación da base de actuación territorial e das funcións do Banco de Terras, a capacidade de actuación sobre os bens de propietarios descoñecidos e o fomento de medidas e estímulos que faciliten a incorporación voluntaria de bens ao Banco de Terras por parte dos propietarios.
Visión máis integral do territorio
A Lei de Mobilidade de Terras ofrecerá unha visión máis integral do territorio, afectando a toda a superficie de Galicia, en terras con vocación agraria. Samuel Juárez destacou que esta modificación “faculta ao Banco de Terras a actuar en superficies forestais e incluso en zonas cualificadas como urbanas, que na actualidade están a ser empregadas con uso agrario”. Polo tanto, elimínanse as Zonas de Especial Interese Agrario (ZEIA), que tal e como figuraban na Lei 7/2007 estaban a provocar discriminacións entre comarcas en cuestións como a aplicación do dereito de tenteo e retracto. Pola contra, establece a posibilidade de decretar Zonas de Actuación Agraria Prioritaria coa finalidade de adoptar nesas áreas medidas dinamizadoras e de reactivación da economía rural baseándose nos especiais valores agrarios ou medioambientais das mesmas.
Máis de 5.000 hectáreas de propietarios descoñecidos
A diferenza coa Lei 7/2007, a Lei de Mobilidade de Terras tamén prevé un novo marco relacional entre a Xunta de Galicia e o Goberno central para posibilitar a mobilización e o aproveitamento das parcelas rústicas existentes en Galicia de propietarios descoñecidos, que suman unha superficie de 5.600 hectáreas.
Neste sentido, a Consellería do Medio Rural pretende que o Banco de Terras, sen pór en discusión a titularidade dos predios, poida xestionar toda esa superficie de propietarios descoñecidos para aproveitala dende un punto de vista produtivo, contribuíndo a mellorar as condicións de cultivo e a incrementar o seu valor.
Cesións e doazóns ás Administracións Locais
Durante a rolda de prensa, Samuel Juárez salientou que na actualidade o Banco de Terras ten rexistradas unhas 400 peticións formais de fincas formuladas por distintas Administracións Locais. Ademais, indicou que as consultas recibidas nos últimos meses elevan ata preto de 1.000 o número de fincas susceptibles de ser solicitadas polos concellos para ser destinadas a diferentes usos sociais (deportivos, asistenciais ou lúdicos). Deste xeito, o Banco de Terras pode facer unha adxudicación directa deses bens e dereitos, de xeito gratuíto e en forma de cesión ou doazón, tras a aprobación polo Consello da Xunta e sempre que a incorporación ao patrimonio dos concellos estea motivada pola conveniencia ambiental ou por outros motivos de interese social determinado.
Eliminación do dereito de tanteo e retracto
Outra das principais modificacións da Lei de Mobilidade de Terras, sinalou o conselleiro, consiste na eliminación do dereito de tenteo e retracto que en virtude da Lei 7/2007 pode exercer o Banco de Terras ante calquera operación de compra-venda de parcelas que se rexistre en Galicia. Samuel Juárez destacou que a supresión desta medida intervencionista está motivada polo feito de que frea o mercado de compra-venda de terras, xa que dificulta a burocracia administrativa –debido a que en cada operación o Banco de Terras debe comunicar ao propietario a súa renuncia a ese ben– e xera un clima de inseguridade e incerteza entre os propietarios.
Novos estímulos para impulsar o Banco de Terras
Ao obxecto de ampliar as funcións do Banco de Terras e impulsar a incorporación dos bens por parte dos propietarios, a nova lei establece diversas medidas de estímulo, como garantirlle aos propietarios das terras a percepción dos prezos de referencia polo arrendamento dos seus bens –con independencia de que o importe acordado entre ambas partes ou ofertado polo potencial arrendatario sexa superior–. Con esta medida, o prezo pasará a ser un factor de concorrencia á hora de optar máis dun arrendatario ao mesmo predio, podendo obter do arrendamento das mesmas un beneficio económico maior.
Por outra banda, a nova lei faculta ao Banco de Terras para ofrecer servizos de intermediación entre terceiros para o arrendo ou aluguer de instalacións vencelladas ás explotacións agrarias. Dará soporte legal aos traballos de investigación e clarificación da propiedade das terras, que ata o de agora só podían facerse por parte da Comunidade Autónoma a través do Decreto de Concentración Parcelaria.
Coa finalidade de fixar poboación e de xerar riqueza no territorio rural, o Banco de Terras tamén ampliará os destinos e usos das parcelas incorporadas e arrendadas máis aló do uso agrario, podendo actuar sobre predios que teñan unha clara vocación de ser empregados para a conservación da natureza e do patrimonio histórico ou a ordenación de fincas forestais, entre outros moitos usos.