Medio Rural impulsa o benestar animal cun plan de formación específico para formadores

(mediorural.xunta.es 05/12/2011) O conselleiro do Medio Rural presidiu a presentación da publicación “Benestar animal. Manual para formadores” editado pola Xunta de Galicia como guía útil e obra de referencia e consulta especialmente dirixida a técnicos e formadores. Samuel Juárez salientou a importancia de coidar o benestar animal para gañar a confianza dos consumidores e apostou por producións agroalimentarias “seguras, de calidade e respectuosas co ambiente”.
A Consellería do Medio Rural impulsa o benestar animal cun plan específico de formación de formadores que procura, entre outros obxectivos, mellorar a súa cualificación para que poidan trasladar eses coñecementos do xeito máis eficaz posible a agricultores e gandeiros. Neste contexto, o conselleiro Samuel Juárez presentou hoxe en Lugo a publicación “Benestar animal. Manual para formadores” editado pola Xunta de Galicia como guía útil e obra de referencia e consulta especialmente dirixida a técnicos e formadores.
Este plan formativo da Consellería está cofinanciado con fondos europeos e vai dirixido a distintos ámbitos. As súas principais finalidades, segundo explicou Juárez, son deseñar un programa de formación de técnicos que responda, por unha parte, ás necesidades reais do sector e, por outra, aos plans de actuación previstos pola Consellería; reforza-lo valor da formación como elemento estratéxico das políticas de Recursos Humanos nas Administracións Públicas e mellora-los coñecementos técnicos do persoal que imparte, na súa área de traballo, cursos de formación continua para agricultores e gandeiros.
No marco deste plan no ano 2011 realizáronse diferentes accións formativas, entre as que salientan cursos para formadores de aplicadores/manipuladores de produtos fitosanitarios, de benestar animal, de agricultura ecolóxica e sobre prevención de riscos laborais no sector agroforestal.
Apostando polas novas tecnoloxías, estes cursos foron realizados na modalidade semipresencial, o que posibilita desenvolver a formación cunha redución do custo económico, así como diminuír a necesidade da presenza física dos participantes, coa conseguinte vantaxe para a organización do traballo das unidades da Consellería.
O manual que hoxe se presentou forma parte, segundo explicou o conselleiro, do material actualizado deseñado para apoiar estes cursos para formadores. Neste sentido –engadiu Juárez– “este libro quere ser precisamente iso: un manual útil, unha obra de referencia e consulta especialmente dirixida a técnicos e formadores”.
Estrutura e contidos do libro
O libro ten 521 páxinas e divídese en 9 módulos que abarcan aspectos como lexislación, historia, interaccións home/animal, o benestar como factor económico das producións, comercio ilegal de fauna salvaxe, prevención de riscos laborais ou veterinaria e benestar animal. Incorpora ademais varios cadros e anexos con referencias normativas e diferentes protocolos de inspección de benestar animal (segundo tipos de explotacións, especies, etc.).
A publicación é unha obra colectiva coordinada por Jesús Juan Cantalapiedra; José Luis Puerta; José Manuel Ferreiro; Xesús Feás; Marcio Vargas; Joaquim Lima; Jesús Orejas; Ángeles Moreno; César Iglesias e José Pedro Araújo. Con ilustracións de Elisardo Daniel Barcala Dorado.
Producións seguras e de calidade
Neste acto Samuel Juárez salientou que Medio Rural mantén un firme “compromiso para facer posible que as producións agroalimentarias sexan seguras, de calidade e respectuosas co medio ambiente e co benestar dos animais”. Este compromiso ponse de manifesto, segundo explicou o conselleiro, a través de diferentes liñas de actuación, entre as que salientou o mantemento de programas sanitarios, a mellora xenética, o apoio ás explotacións gandeiras para os seus investimentos, axudas para a promoción da calidade e o fomento e, no seu caso, recuperación de razas autóctonas.
O titular de Medio Rural destacou tamén neste acto que a gandería galega goza dun “estatus sanitario privilexiado e envexable, que mesmo é referente dentro de España”. E engadiu que isto é posible “grazas ao esforzo continuado de gandeiros e administración na aplicación rigorosa dos criterios esixibles pola normativa comunitaria”.
O benestar animal, clave para os consumidores
Nesta presentación Samuel Juárez dixo tamén que a sanidade animal (e, por extensión, o benestar animal) “constitúe un factor substancial ao que se debe prestar especial atención, tendo en conta que o éxito na comercialización dos produtos ben moi determinado polo crédito ante os consumidores”.
O conselleiro engadiu que “a hora de valorar esa confianza dos consumidores cómpre ter moi presente que a sociedade en xeral está cada vez máis preocupada polas condicións en que se manexan, transportan e sacrifican os animais, e esixe unha garantía da seguridade e a rastrexabilidade dos produtos que consume, respectando sempre o medio”.