Ternera Gallega deu a coñecer en Sevilla as cualidades da súa carne

A Indicación Xeográfica Protexida mantivo na capital andaluza encontros comerciais con profesionais do sector de vacún de carne, entre eles carniceiros, maioristas, distribución e empresas de hostalaría.

A Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega mantivo en Sevilla unha serie de encontros comerciais cos profesionais da carne de vacún, entre eles carniceiros tradicionais, maioristas, responsables da distribución e empresarios do sector da hostalaría. Nestas reunións de negocio participaron dúas das industrias inscritas en Ternera Gallega, Carcosa e Novafrigsa.

No marco desta actividade, tiveron lugar ademais sesións técnicas para informar da calidade, o control e a trazabilidade da carne amparada pola Denominación, así como sobre as actividades  promocionais, o uso da súa imaxe corporativa e os convenios de colaboración cos establecementos de venda. Os asistentes tiveron tamén a oportunidade de degustar carne certificada pola Indicación Xeográfica Protexida.

A presentación de Ternera Gallega en Sevilla encádrase dentro da liña de promoción da IXP dirixida aos profesionais da carne para que poidan coñecer de primeira man as características do produto amparado por Ternera Gallega. Con estas accións a Denominación pretende abrir novas canles de comercialización e nichos de mercado noutras zonas da xeografía española, como é o caso de Andalucía, e chegar aos consumidores que queren disfrutar dunha carne de calidade.

Estes encontros de negocio atenden ao proceso de crecemento que experimentou a Denominación durante os últimos anos. De feito, o número de gandarías  inscritas incrementouse ata acadar as 7.000 explotacións. A Denominación constitúe o principal referente na comercialización de carne de vacún de calidade en España, consolidándose no mercado nacional e superando os 1.000 establecementos coa súa imaxe corporativa.

O control ao que se somete a carne de Ternera Gallega abrangue desde o nacemento dos tenreiros, a súa crianza, alimentación e coidados sanitarios, ata o seu sacrificio e presentación da carne nos puntos de venda. A carne amparada polo IXP Ternera Gallega presenta unhas características de terneza e xugosidade excepcionais, ao proceder de tenreiros  sacrificados antes dos 10 meses de vida, procedentes de razas autóctonas e os seus cruces. A excelente calidade da carne débese á alimentación tradicional  baseada no leite materno,  forraxes e concentrados autorizados  polo Consello Regulador e de orixe exclusivamente vexetal. Ademais, os sistemas de produción desenvólvense en explotacións pertencentes a gandeiros galegos, de carácter familiar e con man de obra propia, que favorecen o correcto coidado dos tenreiros durante o seu nacemento, crianza e cebo, ata chegar ao mercado amparados por Ternera Gallega.