O DOG publica a resolución da convocatoria de subvencións a proxectos dinamizadores

O DOG publica a resolución da convocatoria de subvencións a proxectos dinamizadores das áreas rurais de Galicia 2011-2012
(mediorural.xunta.es 13/12/2011) Destinarase un total de 4.618.666 euros a programas de mellora de servizos básicos para a poboación rural . Tamén se fomentarán actuacións de conservación e mellora do patrimonio cultural e actividades turísticas.O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución pola que se fai público o resultado do proceso de selección da convocatoria para subvencións a proxectos dinamizadores das áreas rurais de Galicia para o período 2011-2012.
Neste marco de axudas, xestionadas pola Consellería do Medio Rural a través de AGADER (Axencia Galega de Desenvolvemento Rural), resolvéronse favorablemente 11 proxectos relativos ao fomento de actividades turísticas, por un importe de 532.174,58 euros (€); 35 proxectos destinados a servizos básicos para a economía e a poboación rural, por un importe de 1.993.550,28 €; 44 proxectos destinados ao apoio ás enerxías renovables nos concellos por un importe de 1.611.110,14 €; e 9 proxectos para a conservación e mellora do patrimonio rural cunha dotación de 481.830,40 €. En total dedicaranse 4.618.666 euros a programas para mellorar os servizos básicos da poboación rural.
As subvencións foron convocadas pola Resolución do 23 de maio de 2011, na que se aproban as bases reguladoras das subvencións aos proxectos dinamizadores das áreas rurais e se anuncia a convocatoria do período 2011-2012. Deste xeito, notificouse o emprazamento para a presentación de solicitudes destinadas á actuacións para o fomento de actividades turísticas; servizos básicos para a economía e a poboación rural; novos retos e enerxías renovables, e conservación e mellora do patrimonio rural.

As axudas poden chegar ata o 100%, o máximo previsto no Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2007-2013.
Diversas iniciativas
Cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do PDR de Galicia 2007-2013, as subvencións abarcan un amplo abano de posibilidades, que van dende o desenvolvemento de novos produtos e servizos turísticos; a posta en valor e uso do patrimonio cultural e natural; a implantación ou mellora de servizos; o acceso ás TIC, os servizos recreativos e culturais, ata o uso de enerxías renovables polos concellos. En definitiva perseguen contribuír á implantación e mellora dos servizos para a poboación rural.
Os beneficiarios destas axudas son asociacións, fundacións, comunidades de montes veciñais en man común e outras entidades privadas, sen ánimo de lucro, que coas súas iniciativas busquen a mellora das condicións de vida no rural e traten de frear o despoboamento. No  caso dos proxectos de aforro enerxético, e fomento das enerxías renovables, son beneficiarios os concellos, ou entidades dependentes dos mesmos. É de resaltar, que nestes intres, estase a traballar no borrador dunha convocatoria complementaria a esta de proxectos dinamizadores, só para concellos.
Para máis información, poden consultar na web da Xunta de Galicia os enlaces:
http://www.xunta.es/diario-oficial-galicia e http://agader.xunta.es