Novo éxito para o programa de mellora xenética de Galicia, que impulsa Medio Rural

(mediorural.xunta.es 11/12/2011) Segundo os últimos datos, 10 dos 11 mellores touros españois forman parte deste programa, copando tres deles o podium nacional. Os gandeiros galegos son os destinatarios e principais interesados na mellora xenética da raza frisona, polo que a Xunta está a facilitar a súa maior integración na toma de decisións e a corresponsabilidade económica. A mellora xenética ten unha incidencia directa no incremento dos rendementos da cabana gandeira e contribuíu de maneira decisiva á positiva evolución rexistrada nos últimos anos polo sector lácteo galego.
O Programa de Mellora Xenética de Galicia, que impulsa a Consellería do Medio Rural xunto coa empresa pública Xenética Fontao, ven de acadar un novo éxito ao situar a 10 dos seus touros entre os 11 primeiros do ranking español que elabora a Confederación Nacional de Asociaciones de Frisona Española (Conafe).
Ademais, segundo reflicte o último informe desta entidade (cos resultados das probas de avaliación xenética de novembro), tres exemplares de Xenética Fontao copan os primeiros postos. Trátase dos chamados Gospell, Xacobeo e Lautamic. Con estas cifras, os touros de Xenética Fontao (e, xa que logo, do Programa de Mellora Xenética de Galicia) acadan os mellores resultados da súa historia. Este listado valora os diferentes exemplares en función do Índice Combinado de Produción e Tipo (ICO).
A mellora xenética, clave
A selección xenética resulta clave e imprescindible no desenvolvemento do noso sector lácteo (que ten a consideración de estratéxico, xa que representa o 30% da produción final agraria e a metade da produción final gandeira galega). Por iso, Medio Rural desenvolve o Programa de Mellora Xenética de Galicia, impulsado a principios da década dos 90 coa participación da empresa pública Xenética Fontao como a única entidade con capacidade (na nosa Comunidade) para producir e achegar doses seminais de alto mérito xenético a todas as ganderías galegas.
A mellora xenética ten unha incidencia directa no incremento dos rendementos da cabana gandeira e contribuíu de maneira decisiva á positiva evolución rexistrada nos últimos anos (en volume e capacidade produtiva) polo sector lácteo galego. Así, se hai pouco máis de dez anos a produción galega acadaba 1,6 millóns de toneladas de leite hoxe sitúase por riba de 2,3 millóns de toneladas, o que supón un incremento dun 43% no prazo dunha década, unha tendencia que, ademais, séguese mantendo e crecendo a un ritmo anual do 3%.
A produción láctea galega medrou tanto a nivel global como se falamos do rendemento medio por explotación. De feito, a produción media das ganderías galegas é hoxe case catro veces superior á do inicio da década. Pasouse dunha media de 51,9 toneladas/ano de leite por explotación ás actuais 188,1 toneladas.
Consolidación do programa
O Programa de Mellora Xenética de Galicia consolidouse hai tres anos, cando as probas de Conafe de xuño do 2008 colocaban un semental de Xenética Fontao –o famoso Mario Xacobeo– como o touro español co ICO máis alto. Era a súa primeira valoración oficial e este touro mantívose como número 1 durante tres anos seguidos e seis probas consecutivas, sendo finalmente desbancado en xuño de 2011 ao segundo posto por Gospell, outro exemplar de Fontao.
Os gandeiros galegos son os destinatarios e os principais interesados na mellora xenética da raza, polo que a Xunta está a artellar mecanismos que faciliten a súa maior integración nos procesos de toma de decisións e na corresponsabilidade económica do Programa, tanto no seu sostemento como na participación dos beneficios.
Evolución do programa
Con estas premisas, Medio Rural presentou unha evolución do programa de mellora para o quinquenio 2011-2015, que resulta da revisión e actualización do anterior, salvagardando os seus piares básicos e introducindo os axustes necesarios para adaptarse ás novas variables de situación.
Esta evolución, coa participación de Xenética Fontao, permitirá ademais un sensible aforro no gasto público, que con respecto a 2009 se cifra en torno a 1 millón de euros. O orzamento previsto para os vindeiros anos sitúase nos 700.000 euros.
Cabana de primeiro nivel
A cabana frisona galega conta cun nivel xenético de primeiro orde, medido tanto nas medias produtivas e nos índices de mérito dos reprodutores rexistrados no Libro xenealóxico como na produción de sementais no mercado internacional, ou no mantemento do que se coñece como “liñas maternas elite”.
Neste mesmo sentido compre indicar que, coa produción de liñas propias de calidade en Xenética Fontao (o centro de inseminación artificial de vacún máis importante de España), Galicia pasou de importar a exportar xenética de alto nivel a países punteiros neste eido, caso de Estados Unidos, Canadá, Reino Unido, Francia, Italia, Alemaña, Holanda, Suecia, Suíza ou mesmo Irán e Arabia Saudí.