Alianza de Ternera Gallega e Acruga para fomentar a producción e comercialización da carne de vacún

O presidente da IXP Ternera Gallega, Jesús González Vázquez, e o da Asociación Nacional de Criadores de Gando Vacún Selecto de Raza Rubia Galega, César Dorado Pin, subscribiron o acordo este mediodía no marco da Facultade de Veterinaria de Lugo.

Unir forzas para potenciar o sistema de produción da categoría Ternera Gallega Suprema e para mellorar a comercialización da Carne de raza Rubia Gallega, en base ao carácter específico diferenciador da xenética desta raza acreditada por Acruga e co apoio da IXP. Este é o obxecto do convenio de colaboración, subscrito hoxe en Lugo, entre o presidente da Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega, Jesús González Vázquez, e o da Asociación Nacional de Criadores de Gando Vacún Selecto de Raza Rubia Galega, César Dorado Pin.

Á sinatura, que tivo lugar na sala de xuntas da Facultade de Veterinaria, asistiron o vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo da USC, Pedro García Herradón, a decana de Veterinaria, Ana Mª Bravo del Moral, o xefe territorial da Consellería do Medio Rural, Ramón Carballo, o presidente fundador de Ternera Gallega, Maximino Viaño, o director de Xenética Fontao, Alejandro Fernández, e demais representantes de organizacións profesionais agrarias, cooperativas e outros técnicos do sector do vacún de carne.

Tanto a IXP como Acruga, teñen intereses comúns en relación coa defensa, promoción e potenciación do sector de vacún de carne de calidade de Galicia, sobre todo no referente aos tenreiros que proceden das explotacións tradicionais de carácter familiar. De aí que a finalidade principal deste convenio sexa o fomento da produción e a comercialización da carne de vacún de calidade, así como a cría, promoción e difusión da raza Rubia Galega e os seus produtos, baixo o identificativo Ternera Gallega Suprema - Carne de Rubia Gallega, no marco da IXP.

Poderán comercializarse con esta marca todos aqueles tenreiros, machos ou femias, nados e criados en Galicia, que estean inscritos no Rexistro de Nacementos do Libro Xenealóxico da raza Rubia Galega, así como todos aqueles tenreiros que a xuízo dos técnicos de Acruga reúnan as características do estándar racial e poidan ser aptos para sacrificar baixo a citada marca, e sempre que procedan de explotacións gandeiras inscritas no Consello Regulador da IXP Ternera Gallega e superasen todos os controles que establece o Regulamento da Denominación.


Compromiso global co sector do vacún de carne

Tanto Ternera Gallega como Acruga consideran fundamental a colaboración entre as dúas entidades, así como coas demais asociacións e organizacións con intereses e competencias en relación co sector de vacún de carne de calidade, para o desenvolvemento e difusión da raza Rubia Galega e a súa promoción e potenciación no conxunto do sector agrogandeiro en Galicia.

O acordo entrará en vigor o próximo 1 de xaneiro de 2011 e terá unha duración de 25 anos. Para garantir o cumprimento do convenio crease un Comité Técnico de seguimento, que prestará especial atención a todas aquelas cuestións que no seu desenvolvemento poidan xurdir, así como a difusión e evolución da marca Carne de Rubia Gallega no marco da IXP. Cada cinco anos realizarase unha avaliación xeral dos resultados do convenio e da súa repercusión no sector gandeiro. A fin de acadar un mellor desenvolvemento e execución do acordo, en beneficio das gandarías e do conxunto do sector de vacún de carne de calidade en Galicia, as dúas entidades firmantes solicitarán o apoio das Administracións públicas, en especial da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia.


ACRUGA, conservación e mellora da Raza Rubia Galega

Acruga é unha entidade recoñecida polas Administracións públicas, que se encarga da defensa, fomento e potenciación da raza Rubia Galega, así como da súa selección e mellora xenética e da xestión do Libro Xenealóxico da citada raza.


Ternera Gallega, máxima dignificación do vacún de carne de calidade

A IXP Ternera Gallega é unha entidade inscrita nos rexistros da Unión Europea, e cuxas funcións son o control integral, a certificación e a promoción da carne de calidade procedente do gando vacún nacido, criado e sacrificado en Galicia, de acordo co establecido no seu Regulamento e no seu Manual de calidade.