Medio Rural fomenta a contratación de seguros agrarios con 6,5 millóns de euros
(mediorural.xunta.es 28/12/2911) Mediante esta liña de axudas, Medio Rural pretende fomentar que un maior número de agricultores e gandeiros se podan beneficiar das vantaxes dos seguros e así facer fronte ás perdas económicas de factores alleos.O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a Orde da Consellería do Medio Rural pola que se establecen as bases das axudas para o fomento da contratación de seguros agrarios na nosa Comunidade Autónoma e se convocan para o ano 2012. Esta liña de axudas ten como finalidade fomentar que un maior número de gandeiros e agricultores se podan beneficiar das vantaxes que supoñen os seguros. Entre estas vantaxes está a de facer fronte ás perdas económicas que poidan ter nas súas producións como consecuencia da actuación de axentes alleos, coma o clima, enfermidades e outros.
O Plan Anual de Seguros Agrarios para o ano 2012, aprobado polo Consello de Ministros o pasado mes de outubro, contempla, entre outras liñas, continuar co proceso de incorporación ao sistema de seguros agrarios sobre danos en instalacións e en elementos produtivos nas parcelas; completar o proceso de consolidación do deseño e posta en marcha dos seguros con coberturas crecentes; así como de mobilizar o conxunto das capacidades das distintas institucións que participan neste sistema de seguros, para conseguir un maior grado de implantación das diferentes liñas de aseguramento que o integran.
Beneficiarios
Poderán ser beneficiados os asegurados titulares das explotacións agrarias situadas na nosa Comunidade, sempre que teñan subscritas as pólizas de seguros agrícolas do plan 2012 e as pólizas de seguros correspondentes a liñas gandeiras dos plans 2011 e 2012. Do mesmo xeito poderán acollerse a esta liña de axudas os titulares de explotacións de piscifactorías de troitas.
Subscrición do seguro
A subscrición do seguro realizarase exclusivamente a través das entidades aseguradoras autorizadas.
Orzamento
Para a concesións das axudas reguladas nesta Orde, a Consellería do Medio Rural dispón dun crédito inicial de 6.500.000 euros, que poderá verse incrementado con outros remanentes orzamentarios.