Ternera Gallega e o Instituto Galego de Consumo achéganlle ao consumidor a calidade da carne da IXP
- O convenio ten vixencia indefinida e pretende desenvolver unha campaña informativa e formativa dirixida aos consumidores galego
- No marco da colaboración, a Escola Galega de Consumo impartirá un obradoiro, en colaboración coa IXP, no que se expón o significado da “carne con carné” como garante dun produto de calidade
A Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega e o Instituto Galego de Consumo (IGC) veñen de asinar este mediodía en Santiago un convenio de colaboración para informar sobre as características da carne amparada pola Denominación. A información tratará sobre os controis aos que se someten os tenreiros, desde o seu nacemento, crianza ata o sacrificio, pasando pola presentación da carne no punto de venda, seguindo a trazabilidade do produto e tendo en conta a normativa en vigor, co fin de contribuír á protección e mellora da calidade de vida dos consumidores.
Asinan este convenio, que ten unha vixencia indefinida, a directora xeral de Comercio da Xunta de Galicia e presidenta do Instituto Galego de Consumo, María Nava Castro Domínguez, e Jesús González Vázquez, presidente do Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega. A firma ten por obxecto impulsar o desenvolvemento da campaña informativa-formativa que ten como base divulgativa a carne de calidade amparada pola Denominación.
Produtos con carné
O establecemento desta colaboración entre ambas entidades ten por obxecto dispoñer dun marco de colaboración para posibilitar a planificación e desenvolvemento de actividades informativas e formativas conxuntas entre o IGC e a IXP Ternera Gallega. Exemplo destas actividades son as xornadas informativas coas asociacións de consumidores de Galicia, onde se impartirá un relatorio sobra “As carnes de calidade, aspectos tecnolóxicos, nutricionais e culinarios”. Na charla tocaranse temas como a trazabilidade e o etiquetado da carne amparada pola Denominación, a súa conservación , a achega nutritiva, as distintas pezas do vacún e o seu cociñado. Outras das actividades a desenvolver son a posta en marcha de obradoiros que realiza a Escola Galega de Consumo e que se dirixe a distintos colectivos sociais, entre eles estudantes de secundaria.
Nestes obradoiros, a Escola Galega de Consumo ten prevista a elaboración dunha unidade didáctica sobre trazabilidade e produtos alimenticios con denominación de orixe protexida, na que se introducirán conceptos propios de Ternera Gallega e do Programa Akal, que é o programa permanente da Escola Galega de Consumo. Termos como consumo responsable, etiquetado ou pirámide alimentaria serán explicados en profundidade e exemplificados.
IGC, defensa dun consumo seguro
O Instituto Galego de Consumo, organismo autónomo adscrito á Consellería de Innovación e Industria, nace en 1994 co obxecto de desenvolver as actividades relacionadas coa defensa dos dereitos e intereses dos consumidores e usuarios galegos. O IGC conta cun laboratorio de consumo propio, situado en A Coruña para analizar fibras, productos textís e xoguetes. Encárgase da comprobación de marcado, etiquetaxe e das distintas analíticas físicas, químicas, eléctricas e mecánicas dos produtos que se ofrecen no mercado.
Ternera Gallega, referencia española do vacún de carne de calidade
Ternera Gallega, unha das carnes de vacún con Denominación máis prestixiadas de Europa, é a Indicación Xeográfica Protexida de referencia en España, tanto polo seu volume e implantación no mercado como pola calidade e garantía de control da carne amparada. As súas funcións son o control integral, a certificación e a promoción da carne de calidade procedente do gando vacún nacido, criado e sacrificado en Galicia, de acordo co establecido no seu Regulamento e no seu Manual de calidade.