A Xunta impulsa unha reforma que procura un maior recoñecemento das mulleres

(mediorural.xunta.es 12/02/ 2012) O Consello Agrario avaliou o Decreto que permitirá a aplicación efectiva en Galicia da Lei estatal sobre titularidade compartida das explotacións agrarias. Esta norma fomenta a igualdade real e efectiva das mulleres, a través do recoñecemento xurídico e económico da súa participación na actividade agraria. A Xunta está a impulsar unha reforma normativa que procura un maior recoñecemento das mulleres no rural galego, e con esta finalidade a Consellería do Medio Rural e do Mar tramita un Decreto que regula o Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia. O documento foi avaliado pola Comisión Permanente do Consello Agrario Galego, no que ademais da Administración están representados os axentes do sector agrogandeiro, entre eles integrantes das organizacións profesionais agrarias.
O Decreto elaborado polo departamento que dirixe Rosa Quintana ten como principal obxectivo avanzar na materialización do recoñecemento xurídico e económico das mulleres no rural, en relación coa titularidade das explotacións agrarias, e fará posible a aplicación efectiva na nosa Comunidade da Lei estatal 35/2011, de 4 de outubro, que regula esta materia.
Igualdade efectiva
Esta norma que tramita a Xunta fomenta a igualdade real e efectiva das mulleres no medio rural, a través do recoñecemento xurídico e económico da súa participación na actividade agraria, procurando, en definitiva, que se faga visible o traballo da muller no rural.
De acordo co último Censo Agrario, en Galicia as mulleres están á fronte do 58% das explotacións agrarias, sendo esta porcentaxe superior ao do resto de España. Con esta reforma legal, as mulleres do rural galego terán un papel máis activo no tocante á consideración do seu traballo, e gozarán ademais de determinadas vantaxes fiscais, de seguridade social e de acceso a axudas, no caso de constituír unha explotación agraria en réxime de titularidade compartida, sempre que dos seus dous membros un sexa muller.
O Decreto, que está en fase de tramitación e que verá a luz en datas próximas, será o que regule o procedemento de inscrición de ditas explotacións de titularidade compartida.