Ternera Gallega, no Forum Gastronómico Santiago 2012
A IXP Ternera Gallega realizou un show cooking no que combinou a exposición e a explicación das características da súa carne incidindo nas garantías e no seu valor culinario. A actividade tivo lugar o martes, 28 de febreiro, ás 14.00 horas, na sala de catas do stand da Consellería do Medio Rural e do Mar da Xunta de Galicia.
A Denominación foi tamén o produto estrela do taller que impartiu o prestixioso cociñeiro Flavio Morganti no que explicou as técnicas para aromatizar pratos con Ternera Gallega. O taller tivo lugar o martes 28 de febreiro, ás 12.00 horas, na sala Picadillo.
Un ano máis a Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega participou na gran festa da gastronomía atlántica, o Fórum Gastronómico 2012, unha cita na que estiveron representados os produtos máis importantes da cociña galega, e que este ano tivo lugar por terceira vez en Galicia.
Ademais de participar na caseta institucional da Consellería do Medio Rural e do Mar da Xunta de Galicia xunto con outros produtos galegos con indicativo de calidade, a IXP realizou un show cooking no que combinou a exposición e a explicación das calidades da súa carne coa degustación que ofreceu ao público asistente.
A actividade tivo lugar o martes 28 de febreiro, ás 14.00 horas, na sala de catas no propio stand da Consellería (caseta 81-113). Unha breve presentación da IXP marcou o comezo da demostración culinaria na que se elaboraron tres pratos diferentes: Tataky de Ternera Gallega, Filete de baleiro a grella de Ternera Gallega con cachelos e Lingote de Costela de Ternera Gallega glaseada con ñoquis de Pataca de Galicia.
Con estes pratos a IXP pretende facer un percorrido culinario empregando distintas técnicas de cociña e dar a coñecer as amplas posibilidades que ten a carne amparada pola Denominación á hora de elaborar receitas de gran nivel gastronómico ademais de ampliar o coñecemento doutros cortes de vacún menos empregados na alta cociña. Esta presentación fixose conxuntamente con outros dous produtos con indicativo de calidade como son a IXP Pataca de Galicia e os viños da Denominación de Orixe Monterrei.
Ademais a IXP foi a protagonista do taller que impartiu, o martes, o recoñecido cociñeiro Flavio Morganti. De 12.00 a 13.00 horas, na Sala Picadillo, Morganti explicou, aos preto de 80 asistentes, as técnicas para aromatizar pratos con Ternera Gallega. Un proxecto de investigación científica e desenvolvemento tecnolóxico levado a cabo por este cociñeiro co fin de sentar as bases que permitiran aromatizar os alimentos no seu proceso de cocción valéndose da calor, o vapor e o fume. O taller inclueu una degustación dos pratos a base de Ternera Gallega acompañados con D.O. Monterrei.
Pero ademais destas actividades, a presenza da IXP no Forum arrincou, o domingo, servindo de base para a creación culinaria presentada polo prestixioso cociñeiro galego Javier Rodríguez Ponte, Taky, en GastroNovena. Unha das actividades paralelas do Forum na que participaron 16 cociñeiros do Grupo Nove que presentaron os seus pratos en 8 establecementos da cidade, aproximando a alta cociña a todos os que se animaron a gozar de pratos de vangarda nos locais composteláns de sempre. Taky ofreceu a todos os que se achegaron ata o restaurante A Casa Do Medio, costela de Ternera Gallega glaseada con celoliñas ao Queixo do Cebreiro.
Ternera Gallega, unha das carnes de vacún con Denominación máis prestixiadas de Europa, é a Indicación Xeográfica Protexida de referencia en España, tanto polo seu volume e implantación no mercado como pola calidade e garantía de control da carne amparada. Significa aproximadamente o 50 % da carne con Denominación de Calidade que se comercializa en España, e máis do 70 % dos consumidores declaran coñecela. A carne certificada por Ternera Gallega procede exclusivamente de animais nados, criados e sacrificados en Galicia, de acordo coas condicións que establece o regulamento da IXP e controlada polo seu Consello Regulador, grazas a un programa de seguimento da trazabilidade que permite coñecer a traxectoria da carne en todas as súas fases de produción e comercialización, até chegar aos consumidores.