Ternera Gallega crece máis do 7% e supera as súas cifras históricas
A Denominación conta na actualidade con 7.508 gandarías e 77 industrias e comerciais cárnicas inscritas. No pasado exercicio identificou máis de 114.000 tenreiros, certificou case 80.000 canais e superou as 17.000 toneladas de carne comercializada.
Durante o ano 2011 Ternera Gallega comercializouse en 1.246 establecementos e o volume de negocio en primeira venda, entre a industria e a distribución, acadou os 91,2 millóns de €, cun incremento do 11,6%.
No plan de actuación da IXP destaca a posta en marcha do Manual de Calidade da Denominación e a obtención da Acreditación como entidade certificadora para a carne de vacún, segundo a Norma Europea 45011, outorgada por ENAC; e a nivel produtivo e comercial, o desenvolvemento do Convenio con Acruga para potenciar a raza Rubia Galega e mellorar a súa comercialización, así como reforzar o Plan de Regularización Produtiva a fin de mellorar a rendibilidade das explotacións gandeiras.
O presidente da Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega, Jesús González Vázquez, presentou hoxe as cifras correspondentes ao Informe de Actividade do ano 2011 desta Denominación de Calidade. O acto estivo presidido pola conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana Carballo. A análise levouse a cabo comparando as principais magnitudes do pasado exercicio coa media do último quinquenio 2006-2010, para así acadar maior obxectividade na valoración do último balance.
Un ano de récord, caracterizado polo crecemento da IXP en todas as súas magnitudes, o seu forte afianzamento no sector de vacún de carne de calidade e a súa evolución altamente favorable no mercado, acadando cifras e valores de crecemento medio por riba do 7%, que se poden cualificar de históricos, sobre todo tendo en conta o contexto rural actual e a crise económica que estamos a vivir.
No 2011, o número de gandarías inscritas na IXP experimentou un crecemento dun 11,2%, ata acadar as 7.508. Unha cifra a pesar da problemática das explotacións no tocante á rendibilidade e ás perspectivas de continuidade. En canto á evolución dos prezos en orixe, cómpre destacar o seu incremento moderado (arredor do 3%), con respecto a anos anteriores.
Valor engadido e empuxe para o sector agroalimentario en Galicia
Os datos do 2011 poñen de manifesto a confianza que os gandeiros galegos e os consumidores de toda España depositaron no labor que desenvolve Ternera Gallega e nas súas posibilidades produtivas e comerciais. Deste xeito, o número de tenreiros rexistrados pola Denominación foi de 114.091, cun crecemento do 6,2 %; a certificación de carne amparada pola IXP creceu ata acadar as 79.875 canais (un 7,4% máis); e comercializáronse 17.013 toneladas de carne de Ternera Gallega, cun aumento do 6,8%. Neste marco de actuación, a IXP Ternera Gallega representa un dos piares esenciais para o sector de vacún de carne de Galicia, contando con 77 industrias e comerciais cárnicas inscritas, unha cifra que aglutina a maior parte das existentes na nosa Comunidade.
O volume de negocio durante o ano 2011, tendo en conta as transaccións comerciais realizadas entre a industria e a distribución, acadou os 91,2 millóns de euros, cun crecemento do 11,6%, cifra que evidencia a importancia das operacións que se efectúan e o valor engadido que achega Ternera Gallega ao sector de vacún de carne en Galicia.
No apartado de control, principal función e responsabilidade da IXP, imprescindible para contar coa confianza dos consumidores, practicáronse 20.757 inspeccións, tomáronse 3.066 mostras e realizáronse 5.105 análises e 3.337 probas de ADN, que permitiron o seguimento da trazabilidade da carne ao longo da cadea, desde as explotacións, as industrias e a distribución, ata os consumidores.
No relativo á distribución xeográfica, a maioría dos produtores, tenreiros identificados e canais comercializadas co selo de Ternera Gallega seguen a concentrarse na provincia de Lugo, co 60% dos tenreiros rexistrados e o 59% das canais certificadas.
Garante da continuidade das explotacións e do mantemento da poboación no rural
Á vista dos datos, Ternera Gallega actúa como motor dinamizador do agro galego, logrando favorecer a continuidade das explotacións gandeiras e a fixación de poboación no medio rural. Para conseguilo, historicamente vén apostando pola potenciación do cebo de vacún en Galicia; fomentando o asociacionismo e a profesionalización no sector; e loitando por recuperar o prestixio da carne galega, ao apostar pola implantación da súa trazabilidade e etiquetado.
En consecuencia, Ternera Gallega é na actualidade a referencia na comercialización de carne de vacún de calidade a nivel estatal, vendéndose principalmente en supermercados (representan o 68% do total), carnicerías tradicionais e grandes superficies comerciais. O seu consumo repártese entre Galicia (47%), o resto de España (52%) e a exportación (1%), continuando o crecemento nas zonas de Levante, Cataluña e centro, principalmente.
O prestixio acadado e a demanda xerada fan que a IXP incrementara progresivamente o posicionamento da súa imaxe corporativa nos establecementos de distribución alimentaria. O esforzo promocional que realiza a Denominación, xunto co labor nos puntos de venda, vén favorecendo a expansión e consolidación comercial da Indicación Xeográfica Protexida en toda España, acadando o pasado ano os 1.246 establecementos con imaxe corporativa que comercializan Ternera Gallega, un 24% máis.
Fitos estratéxicos no ano 2011: acreditación de ENAC, posta en marcha do convenio con Acruga e reforzo do Plan de regularización produtiva
Durante o pasado exercicio 2011, a nivel regulamentario e normativo, tivo lugar a difusión e aplicación do Manual de Calidade da IXP, así como a obtención da Acreditación de ENAC como entidade certificadora para a carne de vacún, segundo a Norma Europea 45011, baixo criterios de transparencia, rigor, fiabilidade e control. Este feito supón para o Consello Regulador un salto cualitativo nas garantías que achega aos consumidores, cada vez máis esixentes coa calidade e seguridade dos produtos agroalimentarios.
No plano produtivo e comercial, púxose en marcha o Convenio entre Ternera Gallega e Acruga, coa diferenciación e posta no mercado da marca Ternera Gallega Suprema-Carne de Rubia Gallega, para potenciar esta raza autóctona e mellorar a súa comercialización. Tamén se reforzou o Plan de Regularización Produtiva da IXP para fomentar a planificación dos partos e ter unha produción máis regular e constante ao longo do ano, que permita mellorar a comercialización e os prezos en orixe. Por último, tivo lugar tamén o reforzamento dos convenios coa distribución e das actividades promocionais para a mellora da comercialización.
Horizonte 2012: valorización do sector e aproveitamento das posibilidades comerciais
A IXP constitúe unha oportunidade real de futuro para a produción de vacún de carne de calidade en Galicia. Por iso afronta o exercicio 2012 coa intención de manter a liña de valorización do sector para consolidar a continuidade das explotacións no agro galego.
Ternera Gallega contempla no seu plan de actuacións para este ano, entre outras accións, o aproveitamento de todas as posibilidades comerciais que ofrece o novo Regulamento da IXP, no caso de produtos elaborados e semi-elaborados con carne certificada; a concreción e sinatura de acordos de colaboración con aquelas asociacións e entidades sectoriais, sempre que redunden en beneficio do sector de vacún de carne de calidade; e a continuación do Plan de Regularización Produtiva de Ternera Gallega, fundamental para poder abastecer o mercado regularmente e mellorar os prezos en orixe.
A colaboración constante coa Administración en proxectos de investigación sectoriais, así como a celebración de eleccións para a renovación dos órganos de goberno do Consello Regulador completan as previsións de actividades para este ano por parte da Denominación, sempre comprometida co desenvolvemento do sector e coa sociedade en xeral.