O DOG publica hoxe a Orde pola que se convocan eleccións

O DOG publica hoxe a Orde pola que se convocan eleccións en dezasete consellos reguladores do ámbito agroalimentario
(mediorural.xunta.es 28/02/2012) ) O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a Orde da Consellería do Medio Rural e do Mar pola que se convocan eleccións e se ditan normas para a renovación dos órganos de goberno de determinados consellos reguladores do ámbito agroalimentario. A convocatoria contempla a realización de eleccións en 17 dos 22 consellos reguladores existentes en Galicia.
Os consellos nos que se convocan eleccións son os que xestionan as cinco denominacións de calidade vitivinícolas (Monterrei, Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro e Valdeorras); as catro indicacións xeográficas xestionadas polo Consello Regulador das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia (Augardente, Augardente de Herbas, Licor de Herbas e Licor Café); as indicacións xeográficas protexidas de Ternera Gallega, Pataca de Galicia, Mel de Galicia, Pan de Cea, Faba de Lourenzá, Castaña de Galicia, Grelos de Galicia, Tarta de Santiago e Pemento do Couto, así como a denominación de orixe protexida Pemento de Herbón e o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia.
Por outra parte, a disposición adicional única da Orde contempla unha prórroga do mandato dos restantes cinco consellos reguladores do ámbito agroalimentario, que son os das denominacións de orixe protexidas Queso Tetilla, Arzúa-Ulloa, San Simón da Costa e Cebreiro e o da indicación xeográfica protexida Lacón Gallego.
Estes consellos reguladores aínda non teñen adaptados os seus regulamentos ao marco normativo autonómico e polo tanto non se constituíron aínda como corporacións de dereito público con personalidade xurídica de seu.
Marco normativo galego
O marco normativo que rexe o proceso de renovación dos órganos de goberno dos consellos reguladores e, en xeral, todo o relativo ao seu funcionamento, está constituído pola Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega e o seu regulamento de desenvolvemento, o Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores. Estas normas complétanse para cada denominación coas particulares contidas nos seus respectivos regulamentos.
A principal novidade deste proceso é que se trata da primeira vez na que se vai aplicar na súa integridade o contemplado en dito decreto, xa que no anterior –que se fixera en 2007– os consellos reguladores aínda non asumiran o papel protagonista que van ter neste caso. Agora os seus plenos van rexer o proceso e vanse converter na primeira instancia que resolva as reclamacións que se produzan, papel que en anteriores convocatorias estaba reservado a xuntas electorais que se constituían con tal fin.
Para a revisión das súas decisións e, en xeral, para a supervisión do proceso crearase unha única Xunta Electoral, que se constituirá, de acordo co calendario electoral, o vindeiro 20 de marzo e estará composta por técnicos da Administración e das organizacións profesionais agrarias, das asociacións empresariais dos sectores implicados e das cooperativas.
Censos
Cada consello regulador deberá elaborar os seus censos de acordo co modelo que figura na orde de convocatoria. O período de exposición dos censos provisionais, que coincide co de presentación de reclamacións, vai dende o día 22/03/2012 ata o 02/04/2012. Os lugares de exposición serán a sede do correspondente consello regulador, os servizos centrais da Consellería, as súas xefaturas territoriais e as oficinas agrarias comarcais (nestes dous últimos casos, os correspondentes aos inscritos do seu ámbito xeográfico). A partir do día 25 de abril expoñeranse os censos definitivos, nos mesmos lugares que no caso dos provisionais.
Candidaturas
As candidaturas teñen que ser presentadas por organizacións profesionais agrarias, asociacións profesionais e cooperativas. Tamén poden ser presentadas por independentes, pero neste caso deben contar co aval de, cando menos, o 10% dos inscritos no censo. Serán listas pechadas e deben ser presentadas na Secretaría do Consello Regulador. De acordo con calendario electoral, as candidaturas poderanse presentar dende o 13/04/2012 ata o 25/04/2012.
Os consellos reguladores, na súa sesión plenaria do día 2 de maio, procederán á proclamación provisional das candidaturas e a súa exposición pública na sede do consello regulador. A Xunta Electoral fará a proclamación definitiva de todas as candidaturas con data límite o 16 de maio.
Xornada electoral De acordo co calendario electoral, o día sinalado para a votación en relación con aqueles censos en que concorran varias candidaturas e que non houbese pactos electorais, é o domingo día 3 de xuño de 2012. Logo desenvolverase o escrutinio e a asignación de vogalías de acordo co sistema proporcional directo. Esta previsto que a constitución dos novos plenos se produza entre os días 11 e 22 de xuño. Neses plenos elixirase ás persoas que exerceran a presidencia e vicepresidencias dos consellos reguladores, para o seu nomeamento pola Conselleira do Medio Rural e do Mar.