O secretario xeral do Mar destaca no Salón Gourmets dos produtos alimentarios galegos

O secretario xeral do Mar destaca no Salón Gourmets de Madrid a excelencia dos produtos alimentarios galegos
(mediorural.xunta 06/03/2012)A Xunta apoia neste certame a promoción de 24 empresas e 22 consellos reguladores de produtos do agro e do mar da nosa Comunidade   Juan Maneiro animou aos expositores a aproveitar as oportunidades de promoción que ofrece este evento e a consolidar esa boa imaxe nos mercados.
O secretario xeral do Mar, Juan Maneiro, achegouse hoxe ata o Salón de Gourmets, a “Feira de Alimentación e Bebidas de Calidade” que dende onte e ata o vindeiro xoves se celebra en Madrid, para apoiar coa súa presenza a promoción dos produtos galegos de calidade que realiza a Xunta neste certame. A Consellería do Medio Rural e do Mar está presente nesta XXVI edición do Salón de Gourmets cun stand institucional de 288 metros cadrados no que están representadas un total de 24 empresas galegas e 22 consellos reguladores de produtos agroalimentarios e do mar da nosa Comunidade.
Juan Maneiro destacou nesta feira o prestixio acadado polos produtos do agro e do mar de Galicia, “verdadeiros referentes de calidade, e mesmo de excelencia, no ámbito español e internacional”. Animou ás empresas e consellos reguladores presentes neste salón a aproveitar as oportunidades de promoción que ofrece este evento e a consolidar esa boa imaxe que teñen os produtos alimentarios galegos nos diferentes mercados. Indicou ademais que malia as dificultades económicas “non se debe deixar de lado a promoción, porque é precisamente neste delicado momento no que cómpre redobrar os esforzos no eido da comercialización, para dar saída ás nosas producións”.
Actividades de promoción
Durante a súa estadía no salón, o secretario xeral do Mar participou na promoción da vieira de Galicia, cunha degustación deste produto acompañado de viño da Denominación de Orixe Rías Baixas. Esta é unha das actividades que acolle o espazo institucional galego ao longo dos catro días do certame, e que comezaron onte cun obradoiro de elaboración de combinados a base de augardentes e licores tradicionais da nosa Comunidade.
Mañá mércores a promoción dos produtos galegos verase tamén reforzada coa presenza do secretario xeral de Medio Rural e Montes, Tomás Fernández-Couto, que entre outros actos participará na degustación da Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia, acompañada con viños da D.O. Valdeorras, ás 12:30 horas no stand galego. O xoves 8, último día da feira, dende as 12:00 horas promocionarase a Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia coa cata deste molusco acompañado de viño da D.O. Ribeiro.
Certame de referencia
O Salón de Gourmets está considerado coma o certame profesional de referencia no sector da gastronomía de calidade en Europa. Nacido no 1987 coa finalidade de converterse en punto de encontro entre fabricantes e consumidores dos produtos alimentarios de alta gama, na pasada edición de 2011 acadou o seu vixésimo quinto aniversario, sendo visitado por preto de 80 mil profesionais.
A feira contou entón coa presenza de 1.270 expositores, nacionais e tamén internacionais de países como Polonia, Francia, Alemaña, Arxentina, Australia e Reino Unido, entre outros. En total amosaron máis de 38.000 produtos delicatessen.