Ternera Gallega no Fórum Gastronómico Girona'09
A IXP avoga polo aproveitamento integral da tenreira na alta cociñaA Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega acode á cita cun dos acontecementos da gastronomía nacional máis importantes, o Fórum Gastronómico 2009, no que están expostos os produtos máis representativos da cociña española, e que este ano se celebra de novo en Girona trala elección de Santiago de Compostela como punto de encontro da edición anterior motivada pola vocación itinerante desta festa culinaria. A participación da IXP no evento, que abre as súas portas mañá, sábado 21, no Palau de Congresos ata o vindeiro mércores 25, concrétase nun relatorio-taller que terá lugar o domingo 22, a partir das 11:30 horas.
Ternera Gallega acudirá ao Fórum acompañada polo cociñeiro Javier Rodríguez Ponte “Taky”, onde participarán nun taller-degustación. Unha breve presentación da IXP marcará o comezo do relatorio no que o campión español de cociñeiros no ano 2000 e de Galicia protagonizará un novidoso diálogo cun profesional carniceiro ao que lle solicitará o despece in situ de tres cortes de carne para potenciar o seu uso na alta cociña. Será con estas pezas coas que elaborará tres receitas con cadanseu uso culinario. O taller permitiralle ao público asistir en directo ao despece de cortes procedentes da canal de vacún de carne que formará parte, ademais, do orixinal decorado da sala.
Ao longo da demostración tamén se fará fincapé en todos aqueles aspectos técnicos, como por exemplo o corte ou a maduración, que inciden de xeito fundamental na calidade final organoléptica da carne de Ternera Gallega. Deste xeito, poderanse ver algúns cortes especiais ao detalle, co fin de conseguir o mellor resultado culinario, sacándolle a máxima esencia á carne de calidade certificada por Ternera Gallega.
O obxectivo desta iniciativa pretende amosar ao público asistente os novos usos culinarios de pezas que historicamente ocuparon postos de pouca relevancia na alta cociña. Trátase de valorizar todos os cortes da tenreira galega, elevándoos á primeira división da gastronomía, rompendo cos tópicos comúns na cociña cotiá e mellorando o aproveitamento de determinadas pezas do vacún. Preténdese, seguindo a liña profesional de Javier Rodríguez, traballar un perfil culinario evolucionado, respectando a sabiduría da cociña tradicional galega e utilizando produtos con selo de calidade e amparados polo distintivo de Ternera Gallega.
Ademais desta actividade xunto co cociñeiro Javier Rodriguez, Ternera Gallega terá tamén unha destacada presenza no stand institucional da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, realizando demostracións culinarias, que nesta ocasión ofrece o programa de catas e degustacións de produtos galegos con indicativo de calidade, baixo o lema “Degusta Galicia”. O domingo, 22, e o mércores, 25, son as datas escollidas para as demostracións-degustacións da carne da IXP.
A Denominación é unha das 500 entidades agroalimentarias do panorama nacional e internacional que se darán cita no décimo aniversario deste congreso gastronómico onde os profesionais poden compartir información sobre tendencias, novos conceptos ou tecnoloxías aplicadas ao sector. A presenza da IXP neste marco reforza os aspectos técnicos que inciden de xeito fundamental na calidade final da carne de tenreira, resaltando a gran riqueza culinaria que supón o emprego de toda unha gama de cortes e pezas diferentes que posúe unha canal de vacún.
Ternera Gallega é a Indicación Xeográfica Protexida de referencia en España, tanto polo seu volume e implantación no mercado como pola calidade e garantía de control da carne amparada. Significa aproximadamente o 50 % da carne con Denominación de Calidade que se comercializa en España, e máis do 70 % dos consumidores declaran coñecela. A carne certificada por Ternera Gallega procede exclusivamente de animais nacidos, criados e sacrificados en Galicia, de acordo coas condicións que establece o regulamento da IXP e controlada polo seu Consello Regulador, gracias a un programa de seguimento da trazabilidade que permite coñecer a traxectoria da carne en todas as súas fases de produción e comercialización, ata chegar aos consumidores.