Rosa Quintana reafirma a aposta da Xunta pola calidade

Rosa Quintana reafirma a aposta da Xunta pola calidade, a identificación das producións co territorio e o I+D+i no sector primario
(mediorural.xunta.es 01/03/2012) A conselleira do Medio Rural e do Mar presidiu a presentación do informe de actividades 2011 de Ternera Gallega e salientou o éxito desta Indicación Xeográfica Protexida e o seu crecemento . Neste acto reafirmou tamén o seu compromiso de diálogo, cooperación e entendemento cos diferentes consellos reguladores e con tódolos axentes que interveñen na produción. A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, reafirmou hoxe a aposta da Xunta pola calidade, a identificación das producións co territorio e o I+D+i aplicado ao sector primario.
Engadiu que este compromiso se fai efectivo coas diferentes políticas que aplicamos e tamén a través da estreita colaboración cos consellos reguladores e con tódolos axentes que interveñen na produción agrícola, gandeira, forestal e pesqueira de Galicia.
Rosa Quintana amosouse disposta a manter esa cooperación en todo momento, e moito máis cando encetamos un importante proceso electoral no ámbito das denominacións de orixe e as indicacións xeográficas protexidas, en referencia á recente convocatoria de eleccións en varios consellos reguladores, entre eles o de Ternera Gallega.
Crecemento sen precedentes
A titular de Medio Rural e Mar presidiu o acto de presentación do informe de actividades da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Ternera Gallega correspondente ao 2011, que en liñas xerais reflicte –como destacou a propia conselleira– un crecemento sen precedentes en tódolos seus indicadores, desde o volume de negocio (que medrou nun 11,6%) ata a expansión comercial, pasando polo número de gandarías e industrias inscritas, así como a cantidade de carne certificada.
Rosa Quintana felicitou ao presidente desta IXP polo éxito acadado e dixo que estes datos positivos teñen que ser un acicate para todos, tanto para os gandeiros, industrias e empresas de distribución como de maneira xeral para o medio rural no seu conxunto.