Medio Rural e Mar realiza máis de 3 millóns anuais de análises animais

Medio Rural e Mar realiza máis de 3 millóns anuais de análises animais para detectar enfermidades e garantir a seguridade alimentaria
(mediorural.xunta.es 10/03/2012) A Consellería desenvolve de xeito continuo numerosos programas sanitarios obrigatorios e impulsa a actuación de programas voluntarios no marco das Asociacións de Defensa Sanitaria de Galicia (ADS). O director xeral de Produción Agropecuaria aproveitou esta mañá os Encontros Veterinarios de Gandagro para enxalzar o labor destes profesionais. A Consellería do Medio Rural e do Mar realiza cada ano máis de 3 millóns de análises animais e 40.000 inspeccións veterinarias para detectar posibles enfermidades na cabana galega, e así garantir a seguridade alimentaria nos produtos.O departamento que dirixe Rosa Quintana realiza o control sistemático de máis de 30 enfermidades das diferentes especies da cabana gandeira galega, así como programas de control da cadea alimentaria. Álvarez Robledo salientou na súa intervención esta mañá dos Encontros Veterinarios de Gandagro o papel clave que teñen os veterinarios na sanidade animal e seguridade alimentaria para conseguir un benestar social óptimo. En total, cada ano identifícanse máis de 800.000 animais e lévanse a cabo outras tantas probas diagnósticas. Neste senso, a Consellería leva a cabo de xeito continuo numerosos programas sanitarios obrigatorios e impulsa a actuación de programas voluntarios no marco das Asociacións de Defensa Sanitaria de Galicia (ADS), un traballo “máis que necesario”, engadiu, para obter unha perfecta seguridade nos alimentos que debe comezar na nosa cabana e finalizar nos produtos que chegan ás nosas casas.
Participantes
Os Encontros Veterinarios son unhas xornadas nas que participa a Consellería do Medio Rural e do Mar, en colaboración coa Facultade de Veterinaria de Lugo e o Consello Galego de Colexios Veterinarios, no marco da Feira Gandagro de Silleda. Un punto de encontro entre os profesionais do rango para intercambiar opinións e coñecementos. Nesta edición participaron poñentes destacados do ámbito nacional e internacional, entre eles Lucía de Juan, directora do Laboratorio Comunitario de Referencia de Tuberculose; Christian Cortazar, investigador xefe de sanidade animal do Instituto Investigador dos Recursos Cinexéticos; Lucio Carbajo, subdirector xeral de sanidade animal do MAGRAMA; Nuno Vieira, director xeral de Servizos Veterinarios de Portugal; e Daniel Laborde, conselleiro de Agricultura da Embaixada Francesa en España.