Ternera Gallega en Alimentaria 2012

O programa da IXP no Salón Internacional contempla a realización de accións promocionais e informativas para dar a coñecer o seu produto entre as que destaca a celebración dun encontro comercial cos profesionais do sector cárnico.A xuntanza terá lugar o luns 26 de marzo, ás 18.30 horas, na caseta institucional da Xunta de Galicia.
No marco da XIX edición do Salón Internacional de Alimentación e Bebidas Alimentaria 2012, que se  celebrará desde o luns 26 ata o vindeiro xoves 29 de marzo en Barcelona, Ternera Gallega desenvolverá unha serie de accións informativas e promocionais para dar a coñecer a carne amparada pola Denominación.
A IXP asiste a esta cita formando parte da caseta institucional da Xunta de Galicia, situada no sector de Intercarn (pavillón 5, stand num 5 B 70) do recinto feiral,  acompañada de tres das principais industrias cárnicas galegas inscritas na Denominación: Carcosa, Artesanos Gallegos de la Carne e Novafrigsa.
Dentro das actividades programadas pola Indicación Xeográfica Protexida destaca a reunión cos profesionais da carne que terá lugar o luns 26 de marzo, ás 18.30 horas, na caseta da Xunta de Galicia. Durante a xuntanza, na que participarán carniceiros tradicionais de Barcelona, cos que subscribiron un convenio de colaboración, e representantes das empresas inscritas na feira, farase unha presentación das novidades da IXP e intercambiaranse puntos de vista sobre aspectos promocionais e comerciais.
Ademais dentro do recinto feiral, un dos restaurantes máis recoñecidos e prestixiados de Barcelona, o Rías de Galicia, ofrecerá en exclusividade dentro da súa carta, a carne de Ternera Gallega, a fin de que os visitantes que acudan á feira poidan degustala. O restaurante, ambientado coa imaxe de Ternera Gallega, ten dous locais situados no pavillón 2 e 7  do recinto feiral de Gran Vía. 
Ternera Gallega leva participando en todas as edicións desta feira de alimentación desde o ano 1992. A súa presenza, desde o inicio, destacou polas numerosas actividades que se desenvolveron entre diferentes colectivos, entre elas, a organización de xornadas técnicas, sesións informativas, degustacións de produto; atención a visitas institucionais e todas aquelas demandas de información no espazo asignado á IXP. Alimentaria constitúe un referente clave para os operadores da distribución moderna e empresas de importación e exportación. Nas edicións prececedentes rexistrouse un notable incremento de profesionais pertencentes a sectores colaterais como son a hostalaría e a restauración. Especialistas, líderes de opinión, nutricionistas, sumilliers, enólogos, xornalistas, son outros colectivos que acoden puntualmente á súa cita con Alimentaria. Esta proxección reafirma o alto nivel de profesionalidade e de valor do Salón como centro de comercio para a elite dos operadores internacionais do sector.
Ternera Gallega, unha das carnes de vacún con Denominación máis prestixiadas de Europa, é a Indicación Xeográfica Protexida de referencia en España, tanto polo seu volume e implantación no mercado como pola calidade e garantía de control da carne amparada.  Significa aproximadamente o 50 % da carne con Denominación de Calidade que se comercializa en España, e máis do 70 %  dos  consumidores  declaran  coñecela. A carne certificada por Ternera Gallega procede exclusivamente de animais nados, criados e sacrificados en Galicia, de acordo coas condicións que establece o regulamento da IXP e controlada polo seu Consello Regulador, grazas a un programa de seguimento da trazabilidade que permite coñecer a traxectoria da carne en todas as súas fases de produción e comercialización, até chegar aos consumidores.