A Xunta apoia a presenza dos produtos do agro e do mar de Galicia en Alimentaria de Barcelona
A Xunta apoia a presenza dos produtos do agro e do mar de Galicia e a súa promoción internacional no salón Alimentaria de Barcelona
(mediorural.xunta.es 28/03/2012) O secretario xeral de Mar, Juan Maneiro, mantivo un encontro con representantes das empresas galegas presentes neste certame . A Xunta está presente nos pavillóns Intervín, Intercarn, Interlact, Interpesca e Congelexpo, ocupando un espazo de algo máis de 1.000 metros cadrados e acompañando a 68 empresas do sector pesqueiro, vinícola, cárnico e lácteo
O secretario xeral do Mar, Juan Maneiro, achegouse hoxe ata o Salón Internacional de Alimentación e Bebidas Alimentaria que dende o luns e ata mañá se celebra en Barcelona. Alí mantivo un encontro cos representantes das empresas galegas presentes neste certame. A Consellería do Medio Rural e do Mar busca con este encontro e coa súa presenza neste certame, a través de catro stands institucionais, impulsar a promoción internacional dos produtos do agro e do mar de Galicia.
A Xunta está presente nos pavillóns Intervín, Intercarn, Interlact, Interpesca e Congelexpo, ocupando un espazo de algo máis de 1.000 metros cadrados e acompañando a 68 empresas do sector pesqueiro, vinícola, cárnico e lácteo de Galicia.
O secretario xeral do Mar, Juan Maneiro, salientou que a especialización de eventos como Alimentaria facilita a difusión da excelencia dos produtos do agro e do mar de Galicia e animou ás empresas presentes neste salón a aproveitar todas e cada unha das oportunidades que se presentan para axudar a difundir a imaxe dos nosos produtos e mellorar a súa comercialización.
Tamén subliñou que a presenza da Xunta en feiras como Alimentaria é unha mostra do importante esforzo que o Goberno galego está a realizar para introducir os produtos galegos en novos mercados. Ademais supón unha oportunidade para intercambiar experiencias con outros países sobre novas tendencias e retos de mercado. Este traballo de promoción tamén se desenvolveu no Forum Gastronómico de Santiago, na Mediterranean Seafood de Rímini (Italia), e no Salón Gourmets de Madrid. Continuará coa presenza de Galicia na feira Seafood que se desenvolverá en Bruxelas do 24 ao 26 de abril.
Actividades
Ademais do encontro que mantivo o secretario xeral do Mar coas empresas galegas, hoxe os stands da Xunta acollerán diferentes actividades ás 17:00 horas. No pavillón Interpesca ofrecerase unha degustación de receitas elaboradas a base de troita con viños da D.O. Ribeira Sacra, da man de ATRUGAL-ESACUA. No de Interlact realizarase unha cata dos queixos galegos con D.O.P. e no pavillón Intervín haberá unha cata dos caldos da D.O. Valdeorras.
Certame de referencia mundial
Alimentaria é un dos salóns de Alimentación e Bebidas máis importantes do mundo. Ten periodicidade bienal e constitúe un evento de referencia que se caracteriza pola máxima especialización da súa oferta -distribuída nesta edición en 14 salóns- a innovación e a vocación exterior. No 2010 contou con preto de 4.000 expositores internacionais, cun total de 75 países representados e foi visitada por máis de 140.000 profesionais da industria agroalimentaria.