Ternera Gallega en Xantar 2011
A Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega asiste un ano máis, como vén sendo habitual, ao Salón Galego de Gastronomía e Turismo Xantar 2011 que está tendo lugar en Ourense ata este vindeiro domingo 6 de febreiro.
O evento, que vai xa pola súa décimo segunda edición, artéllase arredor de diversas actividades: xornadas técnicas, animación e ocio, catas, talleres de cociña e degustacións. É precisamente neste último apartado no que Ternera Gallega ten un peso específico ao ser o ingrediente principal dos pratos que preparará a escola de hostalería de Vilamarín.
O centro ofrecerá, a todos os asistentes que acudan o sábado 5 de febreiro ao Salón, petiscos de Ternera Gallega. Os pratos, que se elaborarán no stand que o IES ten en Xantar, serán: guiso de Ternera Gallega con chocolate, Ternera Gallega asada á mostaza, estofado de Ternera Gallega con noces, Ternera Gallega á cazadora e Ternera Gallega en salsa de améndoas.
A través desta xornada, que o IES de Vilamarín adica á Denominación, o público asistente poderá coñecer as diversas posibilidades culinarias da carne certificada pola IXP e degustar unha cociña de vangarda que emprega produtos con selo de calidade e amparados polo distintivo de Ternera Gallega respetando o sabor tradicional da súa carne de vacún.