Galicia dá a coñecer en Irlanda o produto turístico 'Camiños dos sabores de Galicia'

Galicia dá a coñecer en Irlanda o produto turístico 'Camiños dos sabores de Galicia', enmarcado no proxecto europeo Cantata2
(mediorural.xunta.es 25/03/2012) Esta iniciativa está baseada en catro rutas agroalimentarias que teñen como eixo vertebrador os produtos galegos de calidade. O proxecto logra implicar en Galicia a 49 concellos, 12 organismos e 68 empresas do rural. Galicia dá a coñecer en Irlanda o produto turístico “Camiños dos sabores de Galicia”, enmarcado no proxecto europeo CANTATA2 e que a Consellería do Medio Rural e do Mar leva a cabo a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural en colaboración con 49 concellos, 12 organismos e 68 empresas do rural. Este produto turístico galego está baseado en catro rutas agroalimentarias que, con carácter piloto, teñen como eixo vertebrador produtos galegos de calidade. As catro rutas son: Sabores do Noroeste, Sabores nos Camiños, Sabores do Courel e Sabores nas Portas de Galicia.
O proxecto europeo CANTATA2 ten como finalidade principal poñer en marcha un modelo de desenvolvemento que favoreza a diversificación económica, identificando produtos turísticos baseados na cultura e nos recursos locais que supoñan “experiencias xenuínas” para o visitante. Con motivo das reunións transnacionais que se están celebrando en todos os países socios deste proxecto, representantes da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural participaron estes días en Shannon (Irlanda) para expoñer as actuacións levadas a cabo durante os últimos meses en canto ao desenvolvemento e promoción do produto turístico “Camiños dos Sabores de Galicia”.
Nesta reunión explicáronse tamén as actuación de promoción que aínda se están desenvolvendo como podcast, unha guía bluetooh, unha aplicación web para os móbiles (iphone, android..) que se poderá descargar gratuitamente dende moitos puntos en Galicia. Así como os esforzos realizados polo departamento que dirixe Rosa Quintana no eido da promoción on line e do material de comunicación realizado e os éxitos acadados.
Traballando coa novas tecnoloxías
Ademais de estar nas redes sociais, en perfís tan habituais como facebook, “Camiños dos sabores de Galicia” atópase en Vimeo ou en youtube dende onde se poden descargar vídeos de promoción dos produtos turísticos ou da Festa do Cocido de Lalín e do Queixo de Arzúa.
Para a súa promoción creáronse ademais cinco portais web con información do proxecto, dos produtos agroalimentarios e dos recursos adheridos:
www.saboresdegalicia.com
www.rutasagroalimentarias.xunta.es

www.saboresdonoroeste.com
www.saboresnasportasdegalicia.com
www.saboresdocourel.com
www.saboresnoscamiños.com