A Xunta informa aos agricultores e gandeiros de Santa Comba
A Xunta informa aos agricultores e gandeiros de Santa Comba das posiblidades que ofrece o Banco de Terras de Galicia
(medio.rural.xunta.es 26/03/2012) O director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural inaugurou nesta vila coruñesa unha xornada informativa sobre este instrumento de xestión, na que tamén se deu conta dos beneficios da Lei de Mobilidade de Terras
O director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Antonio Crespo Iglesias, foi o encargado de inaugurar hoxe en Santa Comba unha xornada informativa sobre as posibilidades que ofrece o Banco de Terras de Galicia como instrumento de xestión para redimensionar as explotacións agrogandeiras, logo da entrada en vigor –o pasado novembro– da Lei de Mobilidade de Terras.
Esta xornada foi dirixida aos interesados en coñecer o funcionamento do Banco de Terras, como agricultores, gandeiros, técnicos de cooperativas e calquera outro axente implicado no sector.
As intervencións do director xeral e do responsable do Banco de Terras de Galicia, Javier Blanco, versaron sobre as novidades da Lei de Mobilidade de Terras. Así, explicaron as novas competencias deste Banco para poder xestionar a terra con vocación agraria e destacaron a posibilidade de realizar traballos de investigación da propiedade ou de intermediar na cesión de instalacións agrogandeiras. Destacaron tamén a maior flexibilidade que ten este instrumento de xestión trala entrada en vigor da nova lei.
Así mesmo, deuse a coñecer o funcionamento do Banco de Terras, tanto para incorporar fincas por parte dos propietarios como para arrendar as mesmas aos solicitantes.
Nesta xornada informativa participaron tamén veciños dos concellos limítrofes a Santa Comba, tales como A Baña, Mazaricos ou Negreira. Trátase da primeira das actividades divulgativas que a Consellería de Medio Rural e do Mar, a través da entidade xestora do Banco de Terras de Galicia e Agader, ten previsto levar a cabo en diferentes localidades galegas.
Lei de Mobilidade de Terras
A Lei 6/2011, do 13 de outubro, de Mobilidade de Terras ofrece unha visión máis integral do territorio, afectando a toda a superficie de Galicia en terras con vocación agraria, facultando ao Banco de Terras a actuar en superficies forestais e incluso en zonas cualificadas como urbanas, que na actualidade están a ser empregadas con uso agrario.
Entre as cuestión destacables do seu contido encóntranse a eliminación do dereito de tenteo e retracto ante calquera operación de compravenda de parcelas que se rexistre en Galicia. A supresión desta medida intervencionista foi motivada porque estaba a frear o mercado de compravenda, xa que dificultaba a burocracia administrativa –en cada operación, o Banco de Terras debía comunicar ao propietario a súa renuncia a ese ben– e xeraba un clima de inseguridade e incerteza entre os propietarios.
Ao obxecto de ampliar as funcións do Banco de Terras e impulsar a incorporación dos bens por parte dos propietarios, a nova Lei establece diversas medidas de estímulo, como garantirlle aos propietarios das terras a percepción dos prezos de referencia polo arrendamento dos seus bens –con independencia de que o importe acordado entre ambas partes ou ofertado polo potencial arrendatario sexa superior–. Con esta medida, o prezo pasará a ser un factor de concorrencia á hora de optar máis dun arrendatario ao mesmo predio, podendo obter do arrendamento das mesmas un beneficio económico maior.
Instalacións vinculadas ás explotacións
Por outra banda, a nova Lei faculta ao Banco de Terras para ofrecer servizos de intermediación entre terceiros para o arrendo ou aluguer de instalacións vinculadas ás explotacións agrarias. Así mesmo dará soporte legal aos traballos de investigación e clarificación da propiedade das terras, que ata o de agora só podían facerse por parte da Comunidade Autónoma a través do Decreto de Concentración Parcelaria.
Coa finalidade de fixar poboación e de xerar riqueza no territorio rural, o Banco de Terras tamén ampliará os destinos e usos das parcelas incorporadas e arrendadas máis aló do uso agrario, podendo actuar sobre predios que teñan unha clara vocación de ser empregados para a conservación da natureza e do patrimonio histórico ou a ordenación de fincas forestais, entre outros moitos usos.