Máis de 300 agricultores benefícianse das axudas da Xunta para prácticas agrícolas
Máis de 300 agricultores benefícianse das axudas da Xunta para prácticas agrícolas que minimicen o impacto no medio ambiente
(medioruralemar.xunta.es 14/04/12) A estas axudas, correspondentes á convocatoria de 2011, o departamento que dirixe Rosa Quintana destinou 157.079,24 euros. A través delas a Consellería do Medio Rural e do Mar busca promover un uso racional dos medios empregados na sanidade dos cultivos agrícolas para a produción de alimentos de calidade. A maiores, a Consellería pon a disposición do sector información sobre o clima e as pragas e enfermidades dos vexetais a través dos avisos fitopatolóxicos no servizo de información agrometeorolóxica.
Un total de 344 agricultores repartidos entre 16 agrupacións de defensa fitosanitaria son os beneficiarios das axudas da Xunta ás agrupacións de defensa fitosanitaria para prácticas agrícolas que minimicen o impacto no medio ambiente. A estas axudas, correspondentes á convocatoria de 2011, o departamento que dirixe Rosa Quintana destinou 157.079,24 euros. A maioría dos beneficiarios pertencen ao sector vitícola, frutícola e hortícola.
O departamento que dirixe Rosa Quintana busca con estas axudas promover un uso racional dos medios empregados na sanidade dos cultivos agrícolas para a produción de alimentos de calidade.
As agrupacións de defensa fitosanitaria ás que se destinan dedícanse a desenvolver programas técnicos de tratamentos integrados en agricultura para a defensa fitosanitaria é o control fitopatolóxico dos cultivos agrícolas. Realízano aplicando técnicas de protección integrada para a limitación natural dos organismos nocivos para os cultivos agrícolas. A proteción integrada en agricultura consiste na combinación de medidas biolóxicas, biotecnolóxicas, químicas, de cultivo e de selección de vexetais, de modo que o emprego de produtos fitosanitarios químicos se limite ao mínimo.
A distribución destes fondos por provincias é do 47 % na provincia de Pontevedra, o 28,5 % á de Ourense, o 19 % á Coruña e o 6,5 % a Lugo.
Información sobre meteoroloxía e pragas
A maiores, a Consellería do Medio Rural e do Mar pon a disposición do sector información sobre o clima e as pragas e enfermidades dos vexetais a través dos avisos fitopatolóxicos no servizo de información agrometerolóxica. A Consellería comezará a emitilos nas vindeiras semanas.
Este servizo, que é gratuíto, é unha ferramenta de grande utilidade para a xestión fitosanitaria da explotación. Está operativo todo o ano, pero é durante a campaña agrícola, coa chegada da primavera, cando se publica a información sobre pragas e enfermidades dos vexetais e productos vexetais. O resto do ano proporciona información sobre datos de interese agrometeorolóxico da explotación.
Aquel que desexe beneficiarse deste servizo debe subscribirse proporcionando uns datos básicos do titular da explotación agraria para posteriormente recibir por correo electrónico cada venres o informe. A subscrición pode facerse na web da Consellería de Medio Rural e de Mar (http://www.medioruralemar.xunta.es/), no apartado dedicado á Oficina Agraria Virtual, ou na web de Meteogalicia, www.meteogalicia.es.