A Xunta investirá 2,4 millóns de euros para facilitar o acceso a internet vía satélite
A Xunta investirá 2,4 millóns de euros para facilitar o acceso a internet vía satélite á poboación das zonas con máis dificultades de cobertura e a incentivar o uso das TIC nas microempresas do rural
(mediorural.xunta.es 17/04/2012) Esta medida beneficiará ao 6% da poboación que non pode dispoñer deste servizo a través doutra tecnoloxía. A Conselleira de Medio Rural e do Mar e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica asinaron un convenio para desenvolver estas actuacións. Poderán solicitar estas axudas cidadáns, pemes e entidades sen animo de lucro que non dispoñan de acceso de banda larga, de cando menos 2Mbps, mediante outra tecnoloxía. Sufragaranse os gastos de instalación e equipamento para poder conectarse á rede a través de satélite. Con este acordo ponse en marcha a última liña prevista no Plan de Banda Larga da Xunta para dotar de acceso a Internet ao 100% dos galegos.
O Goberno galego investirá 2,4 millóns de euros en tres anos para facilitar o acceso a Internet vía satélite ao 6% dos galegos que non poden dispoñer deste servizo a través doutras tecnoloxías e nun programa de axudas para que as microempresas do rural implanten as TIC no seu modelo de negocio.
Estas actuacións serán posibles grazas ao convenio asinado esta mañá no concello coruñés de Tordoia pola directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, e a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, para que a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) achegue 2,4 millóns de euros no período 2012- 2014.
A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, destacou que esta colaboración entre Agader e Amtega supón un paso máis na equiparación da calidade de vida entre o rural e as contornas urbanas, axudando na fixación de habitantes e empresas no medio rural. A titular de Medio Rural e Mar subliñou que esta acción fomenta a mellora da competitividade das empresas destas áreas, un aspecto fundamental na innovación e o progreso do rural.
Pola súa banda, a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira sinalou que coa sinatura deste acordo o Goberno galego cumpre co compromiso de ter en marcha todas as actuacións do Plan de Banda Larga este ano e avanza un paso máis na implantación de infraestruturas de telecomunicacións que permitan ter unha Galicia conectada e en condicións de respostar ás necesidades da sociedade da información.
Do total do orzamento previsto máis de 1 millón de euros destinarase á conexión a Internet vía satélite, unha das actuacións previstas no Plan de Banda Larga da Xunta, e o 1.323.000 euros restantes á axudas a microempresas asentadas no ámbito rural para que poidan implantar as TIC no seu modelo de negocio. Estas axudas están destinadas a empresas de menos de 10 empregados e autónomos dos principais sectores de transformación e comercialización de produtos do rural para equipamento tecnolóxico e instalación de hardware e software específico como programas para o traballo en rede, facturación, contabilidade, deseño específico, e-comercio, etc.
Todas as accións en marcha
Coa aprobación deste acordo iníciase o procedemento para lanzar a sexta e última liña do Plan de Banda Larga, que a día de hoxe reduciu a poboación sen cobertura en Galicia nun 61% respecto a 2009. Coas cinco actuacións postas en marcha dotarase de acceso á rede ao 94% da poboación en 2013, o que supón que 2.632.000 galegos contarán con cobertura de banda larga.
O 6% restante, que engloba a 168.000 galegos, será obxectivo desta nova actuación, destinada ás zonas máis illadas, dispersas e de orografía complicada, onde o acceso a Internet e só e posible vía satélite. Esta acción é posible grazas á colaboración entre a Amtega, que realiza labores de asesoramento e de apoio técnico e loxístico nas accións a realizar e de Agader, que financia as actuacións deste acordo.
Tras a sinatura do convenio, a Xunta prevé publicar antes do verán unha convocatoria de axudas das que poderán ser beneficiarios os cidadáns, as pemes e as entidades sen animo de lucro con enderezo en Galicia que non poidan dispor de acceso de banda larga, de cando menos 2Mbps, mediante outra tecnoloxía. A subvención sufragará os gastos de instalación e equipamento para poder acceder ao servizo de conexión a Internet vía satélite.
As axudas tramitaranse a través das empresas provedoras do servizo de Internet vía satélite acreditadas como entidades colaboradoras pola Xunta. Deste xeito esta última liña do Plan contribuirá tamén a dinamizar este sector composto principalmente por pequenas e medianas empresas.
Estas axudas permitirán reducir a barreira económica de entrada que supón a contratación deste servizo, constituíndo unha medida necesaria para seguir axudando aos menos favorecidos e así garantir a igualdade de oportunidades no acceso á información
O Plan reduciu en máis da metade os galegos sen cobertura na Comunidade
Dous anos despois da súa posta en marcha o Plan de Banda Larga dotou de cobertura a máis de 460.000 habitantes dos 786.000 que carecían deste servizo en 2009, é dicir preto do 60% dos galegos sen posibilidade de acceso á rede.
En 2011 o Plan permitiu que a porcentaxe de galegos con cobertura de banda larga chegase a preto do 90% fronte ao 70% existente en 2009. A posta en marcha destas iniciativas está a conseguir que Galicia reduza a fenda interna entre as zonas rurais e urbanas. En 2010 a diferenza media na dispoñibilidade de acceso á banda larga entre as provincias do interior e as do eixo atlántico pasou dun 20% a un 10%, e grazas ao plan en 2011 esta porcentaxe diminuíu ata un 5,5%.