A Xunta convoca as subvencións par os proxectos dinamizadores
A Xunta convoca, cunha dotación de case 15 millóns de euros, as subvencións aos proxectos dinamizadores das áreas rurais promovidos por concellos e mancomunidades
(mediorrualemar.xunta.es 23/04/2012) Estas axudas, xestionadas por Agader e cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), teñen como fin o fomento de actividades turísticas, de conservación e mellora do patrimonio rural e de servizos básicos para a economía e a poboación rural
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as bases reguladoras das subvencións aos proxectos dinamizadores das áreas rurais de Galicia promovidos polos concellos e mancomunidades de municipios, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan de Desenvolvemento Rural de Galicia 2007-2013, e a convocatoria para o período 2012-2013. Estas axudas son xestionadas pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), ente público da Xunta adscrito á Consellería do Medio Rural e do Mar que promove e coordina o desenvolvemento rural na nosa Comunidade.
O apoio de Agader ao desenvolvemento rural galego materialízase, entre outras accións, a través da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para actuacións de diferente natureza que no caso desta convocatoria se agrupan en tres grandes áreas ou medidas: fomento de actividades turísticas; servizos básicos para a economía e a poboación rural e conservación e mellora do patrimonio rural. Os beneficiarios destas axudas poden ser os concellos e mancomunidades de municipios.
A dotación orzamentaria para esta convocatoria ascende a 14.890.892 euros e as axudas poden chegar ata un máximo do 100%, por tratarse de administracións públicas.
Actividades subvencionables
As actividades subvencionables abarcan un abano amplo de posibilidades: desenvolvemento de novos produtos e servizos turísticos; promoción e divulgación de produtos turísticos mediante páxinas web; infraestruturas turísticas de pequena escala dirixidas á información, atención e recepción de visitantes; implantación e mellora de servizos aistenciais, culturais, educativos, recreativos, deportivos e de lecer; servizos de transporte adaptados ás necesidades de áreas con baixa densidade de poboación; proxectos con fins de aforro enerxético e fomento do uso das enerxías renovables; canceiras; paneis informativos; pequenas infraestruturas de urbanización (humanización de pequenas prazas públicas en núcleos de menos de 500 habitantes) e restauración e mellora do patrimonio cultural e natural das áreas rurais.
As bases manteñen as melloras introducidas na última convocatoria e perseguen contribuír á implantación e mellora de servizos á poboación rural e crear deste modo condicións favorables para o desenvolvemento das iniciativas empresariais que podan crear emprego.