Os agricultores galegos cobrarán por anticipado as axudas da PAC

Os agricultores galegos cobrarán por anticipado as axudas da PAC grazas á colaboración entre a Xunta e 10 entidades bancarias
(medioruralemar.xunta.es 02705/2012) A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, asinou un convenio cos representantes das entidades para axudar a paliar as necesidades de liquidez das explotacións agrarias como consecuencia da seca. As entidades financeiras poderán tramitar préstamos por un importe máximo dun 90% do pago único de cada agricultor, sen comisións de apertura e cun xuro do 3% para o produtor. Esta medida enmárcase no protocolo que integra as diferentes medidas do plan de actuación contra a seca deseñados polo Goberno galego.
A Xunta e 10 entidades bancarias suman esforzos para paliar as consecuencias da seca a través da sinatura dun convenio de colaboración que permitirá a gandeiros e a agricultores galegos cobrar por anticipado o pagamento único das axudas da Política Agraria Común (PAC) de 2012 para a utilización sustentable das terras agrícolas. A través desta medida as entidades financeiras poñerán a partir de hoxe a disposición dos agricultores préstamos por un importe máximo dun 90% da axuda. Esta colaboración enmárcase no protocolo que integra as diferentes medidas do plan de actuación contra a seca deseñado polo Goberno galego.
As entidades bancarias realizarán o préstamo sen comisións para os produtores e o seu tipo de xuro será dun máximo dun 6,25% nominal anual, correspondendo un 3% ao produtor e o restante á Xunta de Galicia. Os préstamos deberán formalizarse ata o 30 de xuño de 2012, data incluída. A Consellería do Medio Rural e do Mar ingresará o importe das axudas do pagamento único a través do Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA) a partir do 1 de decembro de 2012 ou antes se así o autoriza a Unión Europea, unha vez comprobado o cumprimento dos condicionantes establecidos pola normativa de cada axuda. Para o seguimento e interpretación deste convenio créase unha comisión integrada polos asinantes ou persoas nas que deleguen.
Solicitude das axudas
Os titulares de explotacións agrarias interesados en recibir a bonificación do 3,25% dos xuros do préstamos que subscriban coas entidades colaboradoras poderán facer a solicitude ao abeiro da orde publicada no Diario Oficial de Galicia o 27 de abril. Nela figura o impreso de solicitude de axuda e os requisitos e indicacións para a súa tramitación.
Protocolo contra a secaEsta medida intégrase dentro do protocolo da Xunta contra a seca que habilita accións específicas para garantir o abastecemento de auga á poboación e avalía as consecuencias sobre os sectores produtivos, centrándose en particular no forestal, marítimo-pesqueiro, acuícola e agrogandeiro. En relación con este último, inclúe a priorización dos pagos pendentes para o ano 2012 e propón outras accións como a redución de módulos do IRPF no sector ou a desgravación de compras de alimentos concentrados e forraxes. Incorpóranse tamén medidas de fomento da contratación de seguros agrarios e o seguimento e coordinación de axudas co Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente.