Raquel Arias destaca “a puxanza económica” da tenreira galega na provincia de Lugo,

Raquel Arias destaca “a puxanza económica” da tenreira galega na provincia de Lugo, “onde se concentran arredor do 70% dos produtores” dunha IXP que move máis de 90 millóns de euros ao ano
(medioruralemar.xunta.es 01/05/2012) A delegada territorial foi a pregoeira da XIV Feira degustación da Tenreira Galega celebrada na localidade da Pobra de San Xiao, no municipio de Láncara. Arias subliñou a dimensión que alcanza o mercado deste produto, “que veñen respaldando co seu aprecio constante dende hai anos consumidores de toda España”. A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, asistiu tamén ao evento, no marco do cal se desenvolveron senllos concursos de gando vacún e cabalar.
A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, foi a encargada hoxe de pregoar a décimo cuarta edición da Feira Degustación da Tenreira Galega, que organiza o Concello de Láncara na localidade da Pobra de San Xiao, e á que tamén asistiu a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana.
A delegada destacou que hoxe en día a tenreira galega constitúe unha actividade económica puxante en Galicia. “Organizados en torno á Indicación Xeográfica Protexida (IXP), a cifra de negocio do sector superou o pasado ano os 91 millóns de euros, nos que a nosa provincia ten un peso específico relevante: É sen dúbida a de maior importancia na Indicación Xeográfica Protexida, cun 60 % dos tenreiros rexistrados e o 59 % dos canais certificados”, apuntou. En suma, concluíu, arredor do 70% dos 5.753 produtores de tenreira galega están na nosa provincia.
Arias aludiu en concreto á dimensión que alcanza o mercado da tenreira galega, “un produto que, para fortuna nosa, aprecian tamén consumidores de toda España, que veñen respaldándoo cun aprecio constante dende hai anos”, e sinalou “o apropiado que resulta” que o concello de Láncara organice esta festa dada a importante produción que alberga.
A delegada aproveitou para encomiar o papel que tradicionalmente xogaron as vacas en Galicia, como auténtico “animal totémico”, sustento da economía doméstica e claro indicador “do produto interior bruto dunha casa labrega” que, a dicir de Arias, demostraba o seu poderío “polo tamaño da meda, ou o que é o mesmo a duración da malla, e polo número de vacas que había na corte”.
Arias diferenciou entre aquelas vacas “das casas labregas” e as das “explotacións familiares” de hoxe en día. A economía de subsistencia deu paso a unha actividade económica relevante en torno ás empresas leiteiras ou cárnicas; as granxas acollen agora “a animais expresamente seleccionados para producir leite ou carne que son obxecto de todo tipo de coidados modernos e con todo tipo de avances tecnolóxicos, xa que son o piar dun sector económico moi importante na nosa provincia”.
Finalizado o pregón, a conselleira e a delegada compartiron o xantar cos veciños e visitantes. Posteriormente, entregáronse os premios do concurso de gando vacún e cabalar e houbo exhibicións de ximnasia rítmica, patinaxe e outras actividades das escolas deportivas municipais.