O Banco de Terras recibe máis de 600 peticións para arrendamento de parcelas no seu primeiro período
O Banco de Terras recibe máis de 600 peticións para arrendamento de parcelas no seu primeiro período de solicitudes
(mediorural.xunta.es 16/05/2012) Duplícanse así as existentes anteriormente ao longo de todo un ano, o cal indica claramente a confianza neste novo modelo. Medio Rural e Mar fai unha valoración moi positiva dos primeiros pasos que se están a dar na aplicación da Lei de Mobilidade de Terras. A Xunta confirma que se disporá de convenios cos concellos para o mantemento do servizo que prestan os Grupos Municipais de Intervención Rápida (Grumir). A Administración autonómica está a facer ben as cousas na loita contra o nematodo do piñeiro, como veñen de recoñecer o Goberno de España e a Comisión Europea, tras unha recente visita de inspección de expertos comunitarios a Galicia
O Banco de Terras de Galicia, adscrito á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), recibiu no seu primeiro período de solicitude para arrendamento de parcelas unhas 650 peticións, das cales o 65% son para uso agrario. Así o indicou o director xeral de Desenvolvemento Rural da Consellería do Medio Rural e do Mar, Antonio Crespo Iglesias, na súa comparecencia na Comisión 7ª de Alimentación, Agricultura, Gandaría e Montes. Este dato, engadiu, mostra a confianza que teñen os agricultores e gandeiros de Galicia nesta entidade xestora, tras duplicar as peticións existentes anteriormente ao longo de todo un ano.
O departamento que dirixe Rosa Quintana fai unha valoración “moi positiva” cos primeiros pasos que se están a dar na aplicación da Lei de Mobilidade de Terras de Galicia, tralos datos obtidos ata o de agora. Precisamente a eliminación de medidas tan intervencionistas coma os dereitos de tenteo e retracto están a permitir que os propietarios de parcelas con vocación agraria xeren un maior dinamismo na compra-venda de terra, ao eliminar unha burocracia que resultaba excesiva.
Durante a súa intervención, Antonio Crespo resaltou que dende a entidade xestora do Banco de Terras se está levando a cabo un programa de asesoramento e información para facilitar os labores de xestión tanto dos demandantes como dos ofertantes de terra, e mostra disto son as xornadas de información que se realizan polas distintas comarcas a petición dos propios gandeiros e agricultores.
Grumir
En resposta a outra pregunta oral sobre a colaboración cos concellos en relación cos Grupos Municipais de Intervención Rápida (Grumir), o director xeral de Desenvolvemento Rural confirmou que está garantido o financiamento relativo a 2011, que se está a traballar de cara ao exercicio de 2012 e que se poderá dispor de convenios para o mantemento destes servizos.
Antonio Crespo lembrou que se algo caracteriza á Xunta é o seu compromiso cos concellos e co sostemento dos servizos públicos esenciais. Engadiu que o verdadeiro debate neste eido é o da revisión e actualización do modelo, algo que o Goberno galego ten moi presente e por iso ven avanzando desde 2009 na articulación dun sistema público, integral e verdadeiramente profesionalizado de atención de emerxencias.
Nematodo
Na loita contra o nematodo do piñeiro, Galicia está a facer ben as cousas, como veñen de recoñecer a Autoridad Sanitaria Nacional e a Comisión Europea, tras unha recente visita á nosa Comunidade de técnicos desta última, para supervisar as actuacións sobre o terreo e o cumprimento dos protocolos establecidos. Así o afirmou o director xeral de Produción Agropecuaria, José Álvarez Robledo, quen detallou, en resposta a unha pregunta oral nesta mesma Comisión 7ª, as actuacións levadas a cabo pola Xunta para a erradicación do foco localizado no concello pontevedrés das Neves en novembro de 2010.