Agricultores e gandeiros galegos benefícianse dunha rebaixa do IRPF

Agricultores e gandeiros galegos benefícianse dunha rebaixa do IRPF grazas ás xestións da Xunta diante do Goberno de España
(medioruralemar.com 02/06/2012) Medio Rural e Mar tramitou con éxito unha redución dos índices de rendemento neto e do índice corrector por pensos adquiridos a terceiros aplicables na estimación do imposto da renda para as actividades agrícolas e gandeiras. O Goberno galego alegou as circunstancias excepcionais que viviron estes sectores no 2011, e en particular a prolongada seca que padeceu Galicia.
Os agricultores e gandeiros galegos poden beneficiarse dunha rebaixa fiscal na súa declaración da renda grazas ás xestións realizadas pola Xunta para conseguir unha redución de determinados índices aplicables na estimación do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas correspondente ao exercicio de 2011.
A Consellería do Medio Rural e do Mar tramitou con éxito, diante do Goberno de España, unha redución dos índices de rendemento neto e do índice corrector por pensos adquiridos a terceiros aplicables no método de estimación obxectiva do IRPF para as actividades agrícolas e gandeiras afectadas por diversas circunstancias excepcionais, argumentando a prolongada seca que padeceu Galicia ao longo do pasado ano.
O Goberno galego remitiu ao Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente a xustificación das circunstancias excepcionais e da consecuente redución da produtividade en determinados sectores, que foron finalmente aceptadas.
Ordes no BOE
Esta redución fiscal plásmase en dúas ordes publicadas recentemente no Boletín Oficial del Estado (BOE). En particular, nos boletíns dos pasados 27 de abril e 19 de maio recóllense estas rebaixas, referidas a actividades relacionadas coa gandería (bovino, ovino, cabrún e apicultura), abarcando tódolos municipios de España, e coa agricultura –caso dos froitos non cítricos, os produtos hortícolas e a pataca, neste último caso só para o ámbito territorial de 10 concellos da zona da Limia ourensá–.
É de salientar tamén que se reduce o índice corrector aplicable en 2011 por pensos adquiridos a terceiros ao 0,65.
Para beneficiarse destas reducións –que serán aplicables mentres dure a campaña da Renda– os interesados tan só teñen que facer constar ditos índices á hora de tramitar a súa declaración do IRPF, mesmo a través do programa de axuda (PADRE).
Menor carga impositiva
En liñas xerais, canto menores sexan estes indicadores menor será tamén a carga impositiva para agricultores e gandeiros. Así, como exemplo cómpre salientar que no caso do bovino de leite –un dos que máis incidencia ten en Galicia, polo peso do noso sector lácteo– o índice para 2010 foi do 0,20 e para o exercicio de 2011 baixa ata o 0,16.
Na seguinte táboa reflíctense as actividades, ámbitos territoriais e índices aplicables en cada caso (para o conxunto de España):
 
PROVINCIA     ÁMBITO TERRITORIAL         ACTIVIDADE                                     ÍNDICE RENDEMENTO NETO
Todas             Todos os concellos               Bovino de leite                                                0,16
Todas             Todos os concellos               Ovino e cabrún de leite                                   0,15
Todas             Todos os concellos       Bovino, ovino e cabrún de carne extensivos           0,06
Todas             Todos os concellos               Bovino de cría extensivo                                 0,13
Todas             Todos os concellos               Apicultura                                                        0,20
Todas             Todos os concellos       Froitos non cítricos: melocotón e nectarina             0,07
Todas             Todos os concellos              Produtos hortícolas                                          0,16
Ourense         Baltar, Os Blancos,

                      Calvos de Randín, Porqueira,

                      Rairiz de Veiga, Sandiás, Sarreaus,

                      Trasmiras, Vilar de Santos e

                      Xinzo de Limia                                 Pataca                                                     0,19