Ternera Gallega no fórum gastronómico Girona'09
Girona, 23 de febreiro de 2009:Éxito de participación nas demostracións-degustacións que a IXP protagonizou en colaboración co cociñeiro Javier Rodríguez Ponte “Taquy”.
A Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega asistiu a pasada fin de semana á cita en Girona cun dos acontecementos da gastronomía nacional máis importantes, o Fórum Gastronómico 2009, no que se reúnen os mellores cociñeiros do mundo e onde se expoñen os produtos máis representativos da cociña española.
Ternera Gallega acudiu ao Fórum acompañada polo cociñeiro Javier Rodríguez Ponte “Taky”, onde participaron nun taller-degustación. Unha breve presentación da IXP marcou o comezo do relatorio no que o campión español de cociñeiros no ano 2000 e de Galicia protagonizou un novidoso diálogo cun profesional carniceiro ao que lle solicitou o despece in situ de tres cortes de carne para potenciar o seu uso na alta cociña.
Con estas pezas elaborou varias receitas con cadanseu uso culinario: trufa-tartar de Ternera Gallega, cadeira de Ternera Gallega laminada con majado de foie e pistachos, filete de vacío de Ternera Gallega con piquillos e allos confitados, roast beef de agulla de Ternera Gallega, salteado de mazá, pera e brotes tenros, costela de Ternera Gallega glaseda con ceboliñas á mel e cebreiro e caldo de Ternera Gallega con fabas de Lourenzá repolo e nabo. Ademais, os asistentes alí congregados puideron degustar estes dous últimos pratos xunto con un terceiro consistente en cadeira de Ternera Gallega marinada con tomate seco, albahaca e San Simón.
O taller permitiulle ao público, ás máis de 100 persoas que completaron o aforo da sala, asistir en directo ao despece de cortes procedentes da canal de vacún de carne que formou parte, ademais, do orixinal decorado do lugar. Os comentarios sobre a calidade de Ternera Gallega e as súas correspondentes preparacións causaron gran sensación, tanto desde o punto de vista das técnicas culinarias empregadas polo cociñeiro, orientadas a extraerlle a cada unha das pezas o máximo sabor, como desde a execución e as explicacións realizadas.
Ao longo da demostración tamén se fixo fincapé en todos aqueles aspectos técnicos, como por exemplo o corte ou a maduración, que inciden de xeito fundamental na calidade final organoléptica da carne de Ternera Gallega. Deste xeito, puidéronse ver algúns cortes especiais ao detalle, co fin de conseguir o mellor resultado culinario, sacándolle a máxima esencia á carne de calidade certificada por Ternera Gallega. Ademais desta actividade, Ternera Gallega tivo tamén unha destacada presenza no stand institucional da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, realizando demostracións culinarias, que nesta ocasión ofreceu o programa de catas e degustacións de produtos galegos con indicativo de calidade, baixo o lema “Degusta Galicia”.