A Consellería do Medio Rural e do Mar fomenta a calidade dos produtos galegos
A Consellería do Medio Rural e do Mar fomenta a calidade dos produtos galegos do mar e do agro na feira Salimat 2012
(medioruralemar.xunta.es 12/06/12) Nesta edición os protagonistas serán os encontros nacionais e internacionais de compradores que se realizan co obxectivo de facilitar as relacións comerciais entre a oferta expositiva e a demanda. A Consellería do Medio Rural e do Mar fomenta a calidade dos produtos galegos do mar e do agro no 16º Salón de Alimentación do Atlántico –Salimat, que se celebrará en Silleda do 14 ao 17 de xuño, no marco da Feira Internacional Semana Verde de Galicia. A Xunta participa neste evento co fin de impulsar a comercialización e o consumo dos produtos pesqueiros e agroalimentarios.
A Consellería do Medio Rural e do Mar estará presente neste salón con dous stands institucionais, un de 48 m2 e outro de 80 m2. Neste espazo instalarase unha sala de degustacións onde se desenvolverán catas de produtos pertencentes á marca PescadeRías, que certifica que os produtos gozan dun alto nivel de frescura e cumpren todos os requisitos sanitarios, ambientais e de calidade. Os asistentes poderán probar receitas elaboradas con bonito, vieira e mexillón así como outros pratos a base de Ternera Gallega, pementos con denominación de orixe e castaña de Galicia.
Ademais no transcurso da feira desenvolveranse obradoiros enmarcados na campaña Ponlle as pilas ao teu bocata para impulsar o consumo de conservas de peixe e marisco entre os nenos e nenas.
Salimat é un salón que se celebra anualmente e está dedicado ao sector da alimentación e da gastronomía. Nesta edición cobrarán especial protagonismo os encontros nacionais e internacionais de compradores co obxectivo de facilitar as relacións comerciais entre a oferta expositiva e a demanda. Trátase dun encontro destinado a profesionais da alimentación e da gastronomía que facilita o contacto efectivo dos asistentes coa oferta presente, potenciando as oportunidades de negocio, a innovación e a dinamización do sector.