Ternera Gallega viaxa polos cinco sentidos na Semana Verde 2012
Dentro do programa de presentacións, en colaboración coa Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, a IXP Ternera Gallega foi a protagonista, o pasado 16 de xuño, da maridaxe lúdico-gastronómica organizada xunto coa Denominación de Orixe Ribeira Sacra e a Denominación de Orixe Protexida Pemento de Herbón. Baixo o título “Unha viaxe polos cinco sentidos”, a iniciativa institucional persegue dar a coñecer e poñer en valor os produtos galegos con indicativo de calidade.
Goce sensorial
Durante a presentación e demostración na que houbo ocasión para interactuar co público e achegar en directo a elaboración de varios pratos, os asistentes puideron degustar Ternera Gallega en harmonía cos Pementos de Herbón e os viños da Ribeira Sacra. Os pratos presentados foron: “Tataky de Ternera Gallega”; “Bife Strogonoff de Ternera Gallega con Pemento de Herbón en salsa de Godello da DO Ribeira Sacra”; “Carrilleira de Ternera Gallega ao Mencía da DO Ribeira Sacra”e “Falsa empanada de Pemento de Herbón en pan de millo”. Cada uns destes pratos foron acompañados con viños amparados pola D.O. Ribeira Sacra. Con esta presentación quérense dar a coñecer as inmensas posibilidades gastronómicas que teñen os produtos galegos con indicativo de calidade e o acertado da súa combinación con fin de elaborar menús que teñan como protagonistas produtos amparados por Denominacións Galegas.
O director de Promoción da IXP, Luís Vázquez, foi o encargado da explicación das características organolépticas da carne amparada por Ternera Gallega, facendo un percorrido desde o produto menos feito ata o máis cociñado e incidindo nas súas principais calidades: tenrura, xugosidade e elevado sabor; así como de expoñer os aspectos de control, trazabilidade e outras cuestións de carácter técnico que atinxen á carne de calidade da Denominación, tales como o tipo de corte, o grao de maduración óptimo e as temperaturas de cociñado e servizo.