A Xunta transfire máis de 17 millóns de euros como pagos de axudas directas da PAC

A Xunta transfire máis de 17 millóns de euros como pagos de axudas directas da PAC e para plans de mellora e primeiras instalacións de mozos
(mediorural.xunta.es 15/06/2012) Un total de 57.111 agricultores víronse beneficiados dos pagamentos da PAC, por importe de 12 millóns de euros. Os produtores galegos percibiron este ano o 86% do orzamento existente a nivel estatal para o fomento da produción láctea de calidade en 2011. Medio Rural e Mar ven de pagar tamén máis de 5 millóns de euros en axudas para plans de mellora e primeiras instalacións de mozos e no que vai de 2012 aboou outros 3,6 millóns para reestruturación e reconversión de viñedo.
A Consellería do Medio Rural e do Mar, a través do Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA), ordenou un total de 57.111 pagos a agricultores por un importe global de 12.515.639,99 euros. Estes pagos corresponden a catro axudas directas da solicitude unificada da PAC 2011 que se corresponden a sacrificio de vacún, pagamento adicional a explotacións que manteñan vacas nutrices, pagamento adicional á produción de carne de vacún de calidade e axuda para fomentar os produtos lácteos de calidade. Ademais, o departamento que dirixe Rosa Quintana ven de pagar tamén máis de 5 millóns de euros en axudas para plans de mellora e primeiras instalacións de mozos. No que vai de 2012 aboou outros 3,6 millóns para reestruturación e reconversión de viñedo.
Pagos da PAC
No pago da prima por sacrificio de vacún, Medio Rural e Mar pagou un total de 5.050.742,94 euros, que beneficiaron a 27.035 agricultores. Esta axuda concédeselle aos produtores criadores de gando vacún que teñan que sacrificar algún bovino. A provincia que máis axudas solicitou foi a de Lugo, e a que menos a de Ourense.
Por outra banda, as axudas por pagamento adicional a explotacións que manteñen vacas nutrices son concedidas para incentivar o mantemento de actividades gandeiras beneficiosas desde o punto de vista ambiental. Ademais, tamén se teñen en conta factores como a utilización racional dos recursos naturais de pasto e a conservación do patrimonio xenético do noso gando. Referente a esta liña de axudas, a Consellería do Medio Rural e do Mar transferiu unha suma de 5.293.306,75 euros a un total de 15.894 beneficiarios.
As axudas por pagamento adicional á produción de carne de vacún de calidade son concedidas aos produtores polas cabezas sacrificadas dentro dalgún dos sistemas de calidade recoñecidos oficialmente no ámbito comunitario -indicacións xeográficas protexidas e gandaría ecolóxica- e no nacional -etiquetaxe facultativa da carne-. O importe global transferido foi de 680.993,76 euros, que beneficiaron a 4.310 gandeiros.
Leite de calidade
Por último, as axudas para fomentar os produtos lácteos de calidade son para todos aqueles que comercialicen a súa produción ao abeiro dunha denominación de calidade ou mediante etiquetaxe facultativa co logotipo Letra Q. Neste senso, beneficiáronse 9.872 produtores, por un importe global que ascendeu a 1.490.596,54 euros.
Ademais, cómpre destacar que os produtores galegos percibiron este ano o 86% do orzamento existente a nivel estatal para esta axuda en 2011. Isto foi posible grazas á posta en marcha pola Consellería do Rexistro de Explotacións Leiteiras de Calidade Diferenciada (Galega 100%) e aos esforzos dos propios produtores para obter un leite de alta calidade.
Axudas estruturais
Xunto con estes pagos, nestes intres estanse materializando tamén os das axudas de modernización das explotacións agrarias e de incorporación á actividade agraria, por un importe de 5 millóns de euros. Destes fondos benefícianse un total de 204 agricultores e gandeiros.
No caso das axudas para a modernización das explotacións agrarias, os pagos feitos ascenden a 3.971.073 euros a 163 titulares de explotacións agrarias. Con eles, no que levamos de ano lévase pagado unha contía de máis de 9.900.000 euros nestas axudas a un total de 450 beneficiarios.
Canto ás axudas para a incorporación de mozos á actividade agraria, os pagos realizados agora ascenden a 1.003.403 euros a 41 mozos titulares de explotacións agrarias, o que supón que no que vai de ano xa se leven pagado case 3 millóns de euros a 131 beneficiarios.
Polo tanto, nestas dúas liñas de axuda xa se levan pagados case 13 millóns de euros (en concreto 12.888.084 euros), e se está preparando outro pago doutros 5 millóns (4 millóns para os beneficiarios de axudas de modernización e 1 millón para os mozos), co que se acadarán os 18 millóns.
Viñedo
En relación coa liña de reestruturación e reconversión de viñedo, tamén nestes días se vai facer efectivo un pago de 374.254 euros a 45 beneficiarios. Neste 2012 xa se levan pagados 3,6 millóns de euros a 536 beneficiarios, a maior cantidade dos últimos anos.