Rosa Quintana destaca a importancia das forraxes en Galicia
Rosa Quintana destaca a importancia das forraxes en Galicia que conta con máis de 1 millón de hectáreas dedicadas a esta produción
(medioruralemar.xunta.es 29/06/2012) A conselleira do Medio Rural e do Mar clausurou a xornada A importancia dos pastos e forraxes na redución de custes nas explotacións gandeiras de vacún. Galicia dispón de 1,4 millóns de hectáreas que se poden dedicar a esta produción
A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana clausurou esta tarde a xornada A importancia dos pastos e forraxes na redución de custes nas explotacións gandeiras de vacún, celebrada en Mabegondo, a Coruña. Durante a súa intervención a titular de Medio Rural e Mar destacou a importancia e potencial que teñen na nosa comunidade os cultivos forraxeiros, xa que Galicia conta con 1.373.000 hectáreas de forraxes, o que contribúe á viabilidade económica e social das explotacións de ruminantes galegas.
Desa superficie, segundo ás estatísticas agrarias do 2011, 281.000 hectáreas son de cultivos forraxeiros, 485.000 de pasteiros e prados, que representan máis do 50% da superficie agraria útil, e 607.000 son de mato ou mato arborado, que tamén son susceptibles de aproveitamento polo gando. Con estas cifras recoñécese o potencial que ten Galicia para a produción de forraxes, xa que hai case 1,4 millóns de hectáreas na nosa Comunidade que se poden dedicar a esta produción.
Vantaxes das superficies forraxeiras
A produción de forraxes supón unha menor dependencia da adquisición de alimentos na produción gandeira e, á súa vez, unha redución dos custos de produción. Neste sentido lembrouse que as praderías contribúen ao mantemento da flora e da fauna autóctona un bo mantemento dos pastos evita a invasión do mato, contribuíndo así á redución do risco de incendios, xa que actúa como un corta lumes natural.