Jesús González Vázquez, reelixido presidente da IXP Ternera Gallega

Jesús González Vázquez foi reelixido como presidente da Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega, cargo que ocupa dende abril de 2000.
O seu nomeamento foi publicado no Diario Oficial de Galicia xunto cos das dúas vicepresidencias, a do sector industrial e a do produtor.
Jesús González Vázquez ostenta dende o día 06 de xullo o cargo de presidente da Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega, concluíndo así o proceso de renovación dos órganos de goberno do Consello Regulador da IXP, convocado a eleccións mediante a Orde da Consellería do Medio Rural e do Mar do 22 de febreiro de 2012.
O seu nomeamento oficial saíu publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG nº 129, de 6 de xullo), tras a elección polo seu pleno das persoas chamadas a ocupar a súa presidencia e as dúas vicepresidencias, a do sector industrial e o produtor.
O Consello Regulador que presidirá quedou constituído polos seguintes vogais: Adolfo Cabarcos Saavedra, de Refol, S.C., José Ramón González Rodríguez, de Hermanos González Rodríguez, S.C., Antonio Álvarez Fernández, de Reisanto, S.C., Rafael Tejeda Vázquez, de Las Traviesas, S.L., Jaime Llena Balañac, de Cooperativa Agrogandeira Sarreaus, Camilo Fraga Fariña, de Finca Idreira, S.L., Santiago Estévez Rodríguez, de Novafrigsa, S.A., Jesús Manuel Conchado Pereiro, de Industrias Cárnicas J. Taboada, S.A., Jorge Eiroa López, de Vego Supermercados, S.A.U., Luis Jaime Gómez Moreira, de Carcosa La Coruña, S.A., Pascual Fernández Vizoso, de Carnes Viana, S.L., Manuel Fernández Gallego, Mayte Lamela Ben, de Frilea, S.L., Melecio Bahillo Herrera, de Suministros Medina, S.L. e Waldo Carreiras Albo, do Servizo do Control da Calidade Agroalimentaria e Industrias.
A súa reelección como novo responsable do Consello Regulador, responde á labor desenvolvida durante os últimos anos, que está avalada polos excelentes resultados do 2011, recentemente presentados. O presidente declarou en alusión aos mesmos que "o control, a trazabilidade e a promoción da carne son só algunhas das claves do noso éxito, que é ante todo, un traballo de equipo".
Unhas eleccións consensuadas
O proceso electoral comezou o pasado 28 de febreiro de 2012 coa publicación no DOG da Orde da Consellería do Medio Rural e do Mar, discorrendo primeiro coa constitución da Xunta Electoral como órgano supremo de supervisión e coordinación, despois coa exposición dos censos electorais e a continuación coa presentación e proclamación das candidaturas,
contemplándose a posibilidade de establecer pactos electorais entre as diferentes candidaturas para a proclamación dos vogais.
En representación da industria, para Matadoiros, Salas de Despezamento e Comerciais Cárnicas, presentáronse candidaturas únicas. No tocante aos produtores, nos censos de Gandarías e de Cebadoiros, presentáronse varias candidaturas. Unha vez proclamadas pola Xunta Electoral, chegaron a acordos entre elas para a distribución das vogalías correspondentes aos devanditos censos, polo que non foi necesario acudir a votar.
O proceso electoral na Indicación Xeográfica Protexida finalizou coa elección do presidente e vicepresidentes, que se fixo oficial co seu nomeamento pola conselleira do Medio Rural e do Mar e coa súa respectiva publicación hoxe no DOG.
Para o sector de vacún de carne de calidade de Galicia, a capacidade de consenso das diferentes organizacións e entidades que o conforman é unha mostra da súa madurez e vontade de potenciar a produción cárnica e a propia IXP.