Galicia recibirá case 2 millóns de euros no reparto nacional de fondos para producións

Galicia recibirá case 2 millóns de euros no reparto nacional de fondos para producións e mercados agrarios
(medio rural.xunta.es 09/07/2012) A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, asistiu ao Consello Consultivo e Conferencia Sectorial de Agricultura e Pesca en Madrid. A maior parte do orzamento para o medio rural irá destinado ao fomento da selección e difusión da mellora gandeira. No eido da Pesca analizouse o documento de consulta da CE sobre as posibilidades de pesca para 2013 e neste punto un dos aspectos demandados por Galicia foi unha maior información sobre o modelo para determinar os TAC nas especies nas que non existen datos científicos.
Galicia beneficiarase de  preto de 2 millóns de euros no reparto nacional de fondos para producións e mercados agrarios. Así se decidiu no Consello Consultivo e Conferencia Sectorial de Agricultura e Pesca, que se celebrou hoxe en Madrid e ao que asistiu a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana.
Estes recursos están distribuídos en diferentes partidas, entre as que destaca a referida ao fomento da selección e difusión da mellora gandeira, cunha dotación de preto de 700.000 euros. Estes fondos destinaranse ao fomento de razas autóctonas e ao control oficial do rendemento leiteiro.
Tamén cómpre salientar as partidas destinadas ao fomento de sistemas de produción de razas gandeiras autóctonas en réxime extensivo (con algo máis de 400.000 euros), ás axudas para a implantación de sistemas de aseguramento para a mellora integral da calidade do leite cru producido e recollido nas explotacións de ovino e caprino leiteiro, e a súa certificación externa (dotadas con 365.000 euros) e á promoción de novas tecnoloxías, renovación e racionalización do uso de medios de produción agrícolas (con 260.000 euros).
Posibilidades pesca 2013
No Consello Consultivo tamén se analizou o documento de consulta da Comisión Europea sobre as posibilidades de pesca para 2013. En relación á existencia dun novo modelo para determinar os TAC nas especies nas que non existen datos científicos, Galicia demandou por parte da Unión Europea unha maior información sobre o mesmo, xa que este sistema que se pretende adoptar, baseado na información cualitativa máis ca na cuantitativa, podería ter consecuencias sobre especies con alto interese comercial para a frota galega como o rape, o galo e o abadexo.
Por outra banda, a conselleira insistiu na necesidade de obter de forma rápida os ditames sobre o estado de especies, especialmente daquelas nas que os TAC son sometidos a acordo con terceiros países, de cara a realizar análises máis amplas que eviten a adopción de acordos pouco satisfactorios para a frota galega.
Outro dos puntos de valoración deste documento é a consecución do Rendemento Máximo Sostible, aspecto no que Galicia demanda a súa consecución en 2015 só naqueles casos nos que sexa posible, sinalando a data de 2020 como límite para acadar este obxectivo.
Ademais, en relación á aplicación do esforzo pesqueiro, Galicia solicita o recoñecemento do traballo realizado pola frota galega en materia de ordenación e xestión das pesquerías, especialmente na adecuación do esforzo pesqueiro mediante a redución realizada ao amparo dos plans de recuperación da pescada do norte e do sur e tamén adoptando medidas de conservación e protección de xuvenís e na eliminación dos descartes. Para Galicia, este amplo labor deu como resultado a melloría do estado do stock da pescada e do rape no Cantábrico-Noroeste e no Gran Sol, o que debería de terse en conta á hora de establecer as liñas de orientación dos TAC e cotas para 2013.