
(medioruralemar.xunta.es 23/07/21012) Esta norma procura dinamizar e protexer a nosa riqueza forestal. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a Lei de Montes de Galicia que entrará en vigor aos vinte días da súa publicación. Con esta norma a Xunta quere responder a unha vella necesidade e demanda do sector forestal. Así mesmo, a lei resulta plenamente coherente e acaída coas características peculiares da nosa Comunidade. O obxectivo principal da norma é a procura da conservación e aproveitamento da riqueza forestal a partir da súa sustentabilidade económica, social e ambiental.
A lei elaborada pola Consellería do Medio Rural e do Mar, da que é titular Rosa Quintana, en consenso co sector forestal ten como obxecto corrixir o carácter minifundista da propiedade, recollendo dentro das ferramentas de explotación medidas como as Sociedades de Fomento Forestal (Sofor), que consolidan a propiedade a través de fórmulas de aproveitamento máis dinámicas.
Na nosa Comunidade, tendo en conta que máis de dous terzos do territorio son de uso forestal ou montes, esta norma é importante para un sector que trata de apostar polo fomento do reinvestimento dos beneficios do monte como modelo de dinamización económica.
Obxectivos principais da nova Lei de Montes
Podemos destacar, entre os principais propósitos da norma, a potenciación dos aproveitamentos forestais e a súa coordinación con outros usos; o avance na correcta ordenación dos terreos forestais, a preservación e fomento da sustentabilidade das extensións de monte autóctono ou a reorganización e mellora da loita contra o lume.
Esta Lei de Montes, modifica a Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais, facéndoa máis operativa e aplicable pero mantendo o seu espírito e obxectivo fundamental. Así, reorganízanse aspectos coma a planificación preventiva, racionalízanse as franxas de xestión dos riscos e trátase de poñer en claro as competencias e atribucións de cada administración neste traballo.
O texto trata de recoller e contemplar todas as dimensións do forestal, desde os puntos que poden resultar máis sinxelos, como a definición do concepto de monte, ata outros como a recollida dos seus usos, a xestión dos recursos xenéticos a defensa fitosanitaria ou a correcta conexión da cadea monte-industria.
Aproveitamento e conservación forestal
A devandita lei busca dinamizar, axilizar e simplificar a actividade do monte, procurando ao mesmo tempo asegurala e estruturala. Esta axilidade e simplificación da xestión e a ordenación trata de facer máis doado e acaído o aproveitamento do monte, o que se podería plasmar de xeito concreto no fomento do silencio positivo nas autorizacións de aproveitamentos forestais ou na simplificación, sen perder o control da xestión, das consideracións forestais das zonas de ribeira dos alvéolos fluviais.
Na norma establécense unha serie de criterios e formulacións de seguridade que van en varias direccións, especialmente no eido xurídico da xestión e labores respecto das actividades desenvolvidas no monte, e reflíctense en aspectos como son a rixidez dos cambios de uso agrario ao forestal ou a consolidación e reforzo do papel e capacidades de actua