Rosa Quintana: “As explotacións familiares e a utilización das razas autóctonas galegas

Rosa Quintana: “As explotacións familiares e a utilización das razas autóctonas galegas explican o éxito comercial da nosa produción cárnica”
(medioruralemar.xunta.es 28/07/2012) A conselleira do Medio Rural e do Mar visitou no concello lugués de Triacastela dúas explotacións de produción de carne de razas autóctonas. A articulación por parte do Goberno galego de axudas aos gandeiros para o desenvolvemento das explotacións e a produción de carne de calidade fan que o número de explotacións medre e se consolide no mercado.
A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, destacou que o éxito comercial da nosa produción cárnica explícase polas explotacións familiares e a utilización das razas autóctonas de Galicia, especialmente a Rubia Galega. Así o manifestou nunha visita que realizou hoxe, acompañada pola delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, e polo director xeral de Produción Agropecuaria, José Álvarez Robledo, a dúas explotacións de produción de carne de rubia galega e raza cachena, ámbalas dúas no concello lugués de Triacastela. Rosa Quintana destacou o compromiso da Xunta na conservación e fomento destas razas autóctonas, salientando a evolución favorable e sostida no mercado da súa produción de carne, cun selo de calidade que segue a abrir mercados e que cada día se fortalece no consumo familiar.
Precisamente para seguir fomentando este tipo de producións e apoiar o vacún de calidade, a Consellería traballa en tres liñas básicas. Por unha parte, a articulación de axudas aos gandeiros para o desenvolvemento das explotacións e a produción de carne de calidade; por outro lado, o impulso dos programas de conservación e recuperación das razas autóctonas galegas; e en terceiro lugar, a incorporación no sector cárnico das novas tecnoloxías da información, con especial atención á comercialización áxil e directa da produción, como a Lonxa Virtual.
Axudas aos gandeiros
O departamento que dirixe Rosa Quintana xestiona diversas liñas de subvencións, entre elas as axudas á primeira instalación de mozos e realización de plans de mellora nas explotacións, as cales a meirande parte corresponden á provincia de Lugo. Por outra banda, tamén destaca o pago das primas por vaca nutriz (vacas que aleitan naturalmente as súas crías), onde Medio Rural e Mar efectúa anualmente un pago superior aos 20 millóns de euros. Entre os importes pagados destaca novamente a provincia de Lugo, na que se concentran o 63,31% dos importes do saldo desta prima –con máis de 5,7 millóns de euros recibidos nesta axuda–.
Tamén salienta o pago adicional á produción de carne de vacún de calidade. Máis de 4.000 gandeiros comercializan ao amparo de “Ternera Gallega” ou en réxime de gandería ecolóxica, e percibiron en 2011 axudas por importe superior aos 650.000 euros. A Consellería tamén fomenta os sistemas de produción de razas gandeiras autóctonas en extensivo, unha liña que en 2011 beneficiou a 830 gandeiros cun importe global de axuda superior a 1,2 millóns de euros.
Rubia galega
Na visita de hoxe a Triacastela, Rosa Quintana coñeceu as instalacións de dúas explotacións dedicadas á produción de carne. Unha delas traballa coa raza rubia galega, contando con 118 reses e unha superficie útil de 52,45 hectáreas. Esta granxa viuse precisamente beneficiada de axudas a plans de mellora e de incorporación de mozos á actividade agraria por un importe superior aos 118.000 euros dende o ano 2002.
A rubia galega é a base da Indicación Xeográfica Protexida ‘Ternera Gallega’, que en 2011 facturou un volume de negocio de 91,2 millóns de euros (un 11,6% máis ca no 2010) e conta xa con 7.508 ganderías inscritas. Unhas cifras que amosan a relevancia deste selo de calidade, posto que a metade da carne que se comercializa en España con denominación é ‘Ternera Gallega’, sendo para máis do 50% dos consumidores españois a mellor carne.
Raza cachena 
Por outra banda, a titular de Medio Rural e Mar e o director xeral de Produción Agropecuaria visitaron tamén en Triacastela as instalacións dunha explotación dedicada á produción de carne de raza cachena. Neste caso, a granxa conta cun total de 77 animais e 32,35 hectáreas de superficie. A explotación recibiu unha axuda para incorporación de mozos de máis de 42.000 euros.
Na actualidade, a raza cachena está en continuo crecemento e conta xa con 174 ganderías, cun total de 2.967 vacas e 169 machos. A principal área de orixe e dispersión xeográfica desta raza sitúase nas zonas montañosas dos concellos incluídos no Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés, na provincia de Ourense.