Rosa Quintana destaca a importancia do cooperativismo no desenvolvemento do rural galego

(medioruralemar.xunta.es 27/07/2012) A conselleira do Medio Rural e do Mar visitou as instalacións da cooperativa Os Irmandiños nos concellos lucenses de Barreiros e Ribadeo. A Consellería ten varias liñas de axudas para o fomento do cooperativismo, que buscan impulsar a suma de esforzos e a cohesión do sector agrogandeiro en ámbitos coma a compra e xestión de maquinaria agrícola.
A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, destacou a importancia do cooperativismo no correcto desenvolvemento do rural de Galicia. Así o manifestou hoxe nunha visita ás instalacións do Centro de Alimentación de Vacún Irmandiños (CAVI), sito na parroquia de Vilamartín Grande do concello de Barreiros. A continuación, a titular de Medio Rural e Mar desprazouse ata as instalacións da empresa Irmandiños S.C.G. dedicada á fabricación de pensos e compostos para animais, na Rochela - A Devesa, en Ribadeo.
Rosa Quintana, acompañada polo director xeral de Produción Agropecuaria, José Álvarez Robledo, destacou a ampla traxectoria desta cooperativa que conta con máis dun milleiro de socios e foi recentemente galardoada pola Xunta co Premio á Promoción do Cooperativismo. Con sede en Ribadeo dende 1976, esta sociedade de servizos e subministracións agrarias está presente en máis de corenta concellos galegos e do occidente de Asturias, facturando por riba dos 30 millóns de euros.
Neste eido, o departamento que dirixe Rosa Quintana ten abertas varias liñas de axudas para o fomento do cooperativismo, que buscan impulsar a suma de esforzos e a cohesión do sector agrogandeiro en ámbitos coma a compra e xestión de maquinaria agrícola ou posta en marcha de Sociedades Agrarias de Transformación (SAT) e organizacións de produtores orientadas cara a comercialización.
Sector das cooperativas
En Galicia funcionan actualmente máis de 400 cooperativas agrogandeiras, que supoñen arredor do 40% das que existen na nosa Comunidade. Por sectores, a meirande parte das cooperativas agrogandeiras galegas (a metade, en números redondos) están relacionadas co lácteo, sendo tamén importante o censo das dedicadas a pensos, abonos ou fertilizantes, así como as que centran a súa actividade na produción de polos ou coellos e no mundo dos subministros. Por provincias, A Coruña e Lugo acumulan en conxunto arredor do 70% das cooperativas agrogandeiras da nosa Comunidade.
No eido do cooperativismo agrario, cómpre destacar o grupo das que teñen como obxectivo social a utilización de maquinaria en común, coñecidas como “Cumas”, que creceron moito nos últimos anos e desenvolven un interesante labor no uso conxunto de maquinaria. Actualmente en Galicia existen unhas 45 cumas.