Medio Rural e Mar convoca axudas para xestión de subproductoss de orixe animal

Medio Rural e Mar convoca axudas para xestión de subproductoss de orixe animal non destinados ao consumo humano
(medioruralemar.xunta.es 06/08/2012)Estas subvencións procuran facilitar aos agricultores e gandeiros sistemas de almacenamento deste tipo de material e favorecer a implantación e mellora das plantas de tratamento específicas. As axudas poden acadar os 6.000 euros para a adquisición ou mellora de sistemas de almacenamento por parte dos agricultores e gandeiros e ata os 200.000 para as plantas de tratamento, industrias e plantas intermedias.
O Diario Oficial de Galicia publicou a Orde da Consellería do Medio Rural e do Mar pola que se establecen as bases reguladoras das axudas a explotacións gandeiras, industrias agroalimentarias e establecementos de xestión de subprodutos para a mellora da capacidade técnica de xestión deste material de orixe animal non destinado ao consumo humano (denominado tecnicamente Sandach) e se convocan para o ano 2012. O obxecto destas axudas é dotar aos agricultores de sistemas de almacenamento de sandach (polo xeral animais mortos e dexeccións gandeiras) e favorecer a implantación e mellora das plantas de tratamento destes produtos.
Estas axudas permiten mellorar os sistemas de almacenamento para acadar unha maior eficiencia no sistema, ao empregar conxeladores ou contedores de maior capacidade e mellor facilidade de limpeza que favorezan un mellor número de visitas da xestora de subprodutos e as conseguintes vantaxes en bioseguridade. As axudas outórganse en réxime de concorrencia competitiva e, no caso dos agricultores ou industrias para a adquisición ou mellora de sistemas de almacenamento, poden acadar os 6.000 euros e ata un 75% de subvención. Polo que respecta as plantas de tratamento, industrias e plantas intermedias para a mellora ou implantación de sistemas de xestión, as axudas poden acadar os 200.000 euros.
Normas ambientais
Dentro desta convocatoria poténcianse aqueles proxectos cun carácter innovador. Entre os requisitos para poder ser beneficiario están os de cumprir as normas ambientais en materia de recollida de cadáveres e non ter sido sancionado por esta materia nos dous anos anteriores á convocatoria. O prazo para facer as solicitudes remata o vindeiro 6 de setembro. Os investimentos deben facerse despois de feita a solicitude. A dotación económica desta orde é de 1,24 millóns de euros.