Ternera Gallega súmase á Volta Ciclista a España
O seu compromiso co deporte reflíctese neste caso a través da colaboración coa Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería de Lugo e coa Secretaría Xeral para o Turismo da Xunta de Galicia, que pedalearán por toda a xeografía española durante máis de 20 días. Baixo o lema “E para comer, Lugo”, a carne de calidade da IXP poderase degustar en todas as saídas de cada etapa desde o seu inicio, mañá sábado día 18, en Pamplona, ata o remate o vindeiro 9 de setembro, en Madrid. A Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega afianza o seu compromiso social co deporte mediante a colaboración coa 67 Volta Ciclista a España, que arranca mañá sábado, 18 de agosto en Pamplona e finaliza o vindeiro 9 de setembro en Madrid.
E para comer, Lugo
Ternera Gallega estará presente nesta ocasión grazas á colaboración que veñen de asinar coa Volta a Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería de Lugo (APEHL) e a Secretaría Xeral para o Turismo da Xunta de Galicia a fin de promocionar e visibilizar, a escala nacional, a gastronomía de Lugo. Baixo o lema E para comer, Lugo, un stand institucional nas saídas de todas as etapas do percorrido ofrecerá degustacións de produtos galegos con indicativo de calidade e información sobre os mesmos. Ademais de Ternera Gallega, a APEHL conta co apoio dos consellos reguladores de Ribeira Sacra, Arzúa-Ulloa, San Simón da Costa, Pataca de Galicia, Castañas de Galicia e Agricultura Ecolóxica de Galicia, así como de Armadores de Burela, da queixería da D.O. Cebreiro Marqués de Cernadas e das asociacións de criadores de Galo de Mos, Ovella Galega e Porco Celta.
Unha excelente oportunidade para dar a coñecer Lugo como destino turístico a través dos atributos da súa cociña e das súas materias primas máis selectas e prestixiadas. As degustacións completaranse en cada saída da Volta Ciclista a España con abondosa información sobre os diferentes produtos gastronómicos con indicativo de calidade, así como material promocional e de merchandising a disposición de todos os amantes do ciclismo.
Esta iniciativa enmárcase dentro da aposta da Denominación polos hábitos saudables, materializada no seu firme compromiso de apoio ao deporte, tanto en Galicia como en España. Mostra desta cooperación é a sinatura de diversos protocolos de colaboración entre a IXP e varias entidades e eventos deportivos.