Rosa Quintana sinala que o éxito comercial da carne de vacún en Galicia

Rosa Quintana sinala que o éxito comercial da carne de vacún en Galicia radica en primar a calidade fronte a cantidade
(mediorural.xunta.es 12/09/2012) A conselleira do Medio Rural e do Mar mantivo un encontro cos propietarios dunha explotación de vacún destinada á produción de carne da raza Rubia Galega no Corgo. Outro dos aspectos que inciden na boa comercialización, segundo apuntou a conselleira, é a consolidación da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Ternera Gallega no mercado español. O mantemento de axudas destinadas á produción de carne de vacún é un dos puntos de defensa da Xunta para a nova Política Agraria Común. A provincia de Lugo e a raza Rubia Gallega son as de maior peso na IXP Ternera Gallega.
A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, mantivo esta mañá un encontro no concello lucense do Corgo cos propietarios da explotación familiar de vacún de José Antonio Ferreiro Palacio, destinada á produción de carne da raza Rubia Galega. Durante o encontro, a titular de Medio Rural e Mar destacou a idoneidade do sistema familiar da explotación para a produción de carne de calidade, xa que este aspecto, dixo, é clave no seu éxito comercial.
Outra das cuestións que inciden na boa comercialización, segundo apuntou a conselleira, é a consolidación da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Ternera Gallega no mercado español. Todo isto tradúcese na definición dun mercado que prima a calidade da produción ante a cantidade.
Rosa Quintana salientou, así mesmo, a importancia da articulación de axudas aos gandeiros por parte das administracións na obtención da calidade do produto e no desenvolvemento das explotacións. A titular de Medio Rural e Mar sinalou que esta é unha das premisas que defende a Xunta para a nova Política Agraria Común, no sentido de manter unha serie de primas para esta produción, que fundamentalmente se asenta en zonas desfavorecidas e de montaña.
A conselleira tamén fixo fincapé no valor do impulso dos programas de conservación e recuperación das razas autóctonas galegas e na incorporación das novas tecnoloxías da información ao sector cárnico, con especial atención á comercialización áxil e directa da produción.
IXP Ternera Gallega
Segundo datos da memoria desta IXP correspondente a 2011, o volume de negocio de Ternera Gallega medrou no último ano un 11,6%, situándose nos 91,2 millóns de euros. Tamén creceu o número de ganderías inscritas, ata acadar as 7.508, cun crecemento do 11,2% en relación con 2010.
En canto á comercialización de carne certificada, en 2011 o volume total foi de 17.013 toneladas, o que supón unha suba do 6,8%. Os canais certificados tamén medraron, pasando a ser 79.875, cun incremento do 7,4%.
No que atinxe á distribución xeográfica, a maioría dos produtores, tenreiros identificados e canais comercializadas concéntranse na provincia de Lugo, que aporta o 60% dos tenreiros e o 59% das canais.