Ternera Gallega orgullosa da súa etiqueta
• A Indicación Xeográfica Protexida pon en marcha unha campaña promocional, baixo o eslogan “Unha carne de etiqueta”, dirixida a reforzar a súa imaxe de calidade.
A fin de situarse cada vez máis preto do consumidor final e próxima a todos os públicos, a Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega vén de lanzar unha campaña publicitaria e promocional en medios exteriores. O obxecto é reforzar a imaxe de calidade da Denominación, aumentar a súa notoriedade, mellorar o grao de coñecemento da IXP e fomentar o seu consumo.
Baixo o eslogan “Ternera Gallega, unha carne de etiqueta”, a actividade consiste na localización de valados exteriores de gran formato repartidos por toda a xeografía galega. Así mesmo, a acción en valados vese reforzada nas principais cidades de Galicia (A Coruña, Ferrol, Santiago, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo) coa colocación da mesma creatividade e mensaxe nas traseiras integrais e laterais dos autobuses urbanos naquelas liñas máis significativas.
Esta campaña estará reforzada ademais nos establecementos colaboradores, mediante elementos de imaxe internos que lembren as cualidades propias de Ternera Gallega, como por exemplo a súa gran xugosidade, excelente tenrura e un sabor característico e diferente que a fan única.
A importancia da carne con carné
Outro dos obxectivos prioritarios que persegue o Consello Regulador da IXP Ternera Gallega con esta campaña é lembrar a importancia das características diferenciais da carne amparada pola Denominación. A etiqueta como distintivo serve para que o consumidor poida identificar, recoñecer e esixir a carne de vacún de calidade, mediante os elementos de certificación que caracterizan tanto a categoría Ternera Gallega como a de Ternera Gallega Suprema.
Ternera Gallega, unha das carnes de vacún con Denominación máis prestixiadas de Europa, é a Indicación Xeográfica Protexida de referencia en España, tanto polo seu volume e implantación no mercado como pola calidade e garantía de control da carne amparada. Significa aproximadamente o 50 % da carne con Denominación de Calidade que se comercializa en España, e máis do 70 % dos consumidores declaran coñecela. A carne certificada por Ternera Gallega procede exclusivamente de animais nados, criados e sacrificados en Galicia, de acordo coas condicións que establece o regulamento da IXP e controlada polo seu Consello Regulador, grazas a un programa de seguimento da trazabilidade que permite coñecer a traxectoria da carne en todas as súas fases de produción e comercialización, ata chegar aos consumidores.