Ternera Gallega expón no Ministerio a problemática de vacun de carne

Ternera  Gallega expón no Ministerio e a problemática de vacun de carne e solicítalle apoio e colaboración para buscar solucións conxuntas
Directivos da IXP mantiveron, o pasado martes, unha reunión no Ministerio para trasladarlle as necesidades e problemática que está vivindo o sector de vacún de carne galego nestes momentos, e tamén a situación da IXP. O presidente , Jesús González, o vicepresidente, Jesús Manuel Conchado, e o secretario, José Gómez, reuníronse coa subdirectora xeral de Produtos Gandeiros, Esperanza Orellana, e co subdirector de Calidade Diferenciada do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, Clemente Mata.    Ao longo da reunión comentaron aspectos relacionados co  sector  en canto ao incremento dos custes produtivos, e á necesidade de que a carne estea nos puntos de venda debidamente etiquetada e diferenciada para mellorar a transparencia no mercado e facilitarlle aos  consumidores  a súa elección de compra.
A actualización da normativa que afecta ao Consello Regulador e o interese da IXP en participar nos diferentes foros de debate sectoriais a nivel estatal, así como a necesidade do mantemento das axudas aos gandeiros que participan nos procesos de calidade de carne de vacún, foron outros dos aspectos debatidos nesta cita.
A reunión desenvolveuse nun marco de cordialidade e colaboración tanto por parte dos responsables do Ministerio  como dos directivos da IXP, sempre tendo como horizonte o interese e o desenvolvemento do sector de vacún de carne de calidade galego.