Ternera Gallega cos profesionais da carne de Aragón

En colaboración coa Agrupación Provincial de Carniceiros de Huesca e o Gremio Provincial de Empresarios Carniceiros de Zaragoza, a Indicación Xeográfica Protexida organizou unha serie de encontros comerciais nesta Comunidade. Ofreceu ademais unha sesión técnica sobre as calidades, o control e a trazabilidade da carne amparada pola IXP, as actividades promocionais e os convenios de colaboración cos puntos de venda, entre outros aspectos de interese sobre a carne de vacún. As xornadas tiveron lugar o 24 de setembro, luns, no Restaurante Abadía As Torres de Huesca e o día 25 no Hotel Meliá Zaragoza. A Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega desembarcou en Aragón para dar a coñecer en detalle aspectos técnico-produtivos e comerciais da súa carne de calidade aos profesionais carniceiros, charcuteiros e detallistas da Comunidade Aragonesa. O presidente da IXP, Jesús González Vázquez, acompañado doutros directivos de Ternera Gallega, algunhas das principais industrias cárnicas inscritas na Denominación, e dos presidentes das organizacións colaboradoras, Miguel Anxo Plana e Manuel Remiro, de Huesca e Zaragoza respectivamente, manteriveron reunións de negocio personalizadas cos profesionais do sector que así o solicitaron. Os encontros comerciais complementaronse cunha sesión técnica, seguida dun coloquio, na que se profundizou en aspectos relacionados coas calidades, o control de calidade e a trazabilidade da carne amparada pola Indicación Xeográfica Protexida; o programa que desenvolve en materia de promoción; o uso da imaxe corporativa e os convenios de colaboración cos establecementos de venda, así como outras cuestións de interese sobre o sector de vacún de carne de calidade.  O programa completouse cunha degustación de carne certificada pola IXP Ternera Gallega a disposición de todos os participantes, que gozaron da súa preparación baixo diferentes usos culinarios. Ternera Gallega, máxima dignificación do vacún de carne de calidade Ternera Gallega é unha entidade inscrita nos rexistros da Unión Europea como IXP, cuxas funcións son o control integral, a certificación e a promoción da carne de calidade procedente dos tenreiros nados, criados e sacrificados en Galicia, de acordo co establecido no seu Regulamento e no seu Manual de Calidade. Na actualidade, a Denominación conta con máis de 7.500 explotacións gandeiras inscritas onde se identifican máis de 114.000 tenreiros ao ano. Nas 77 industrias rexistradas certifícanse preto de 80.000 canais, que significan máis de 17.000 toneladas de carne, cun valor en primeira venda superior aos 90 millóns de euros. A carne certificada por Ternera Gallega comercialízase en máis de 1.200 establecementos de venda repartidos por toda España, significando aproximadamente o 50% do consumo total de carne con selo “Indicación Xeográfica Protexida”.